Reaccións morte Paula Alvarellos.- "A súa perda é dura, inxusta e inesperada", di o PSdeG

Numerosas reaccións á morte da alcadesa de Lugo.Conmocionado e profundamente triste polo repentino falecemento da alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 01/03/2025 | Actualizada ás 11:16

Comparte esta noticia

A tráxica e súpeta morte da alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, está provocando numerosas mostras de condolencias desde todos os ámbitos, tanto políticos, como sociais e económicos, tanto de Lugo, de toda Galicia e de España.

Lugo. Paula Alvarellos.. CARLOS CASTRO
Lugo. Paula Alvarellos.. CARLOS CASTRO | Fonte: EUROPA PRESS

O Partido dos Socialistas de Galicia foi dos primeiros en expresar a súa profunda dor polo pasamento da rexedora, "compañeira exemplar".  "Paula non só foi unha gran alcaldesa, sempre comprometida cos problemas da cidadanía e co avance da cidade, senón tamén unha militante moi traballadora, unha persoa próxima, leal e disposta a sumar en todo momento", indica nun comunicado. "A súa perda é dura, inxusta e inesperada. Pero a súa pegada quedará en Lugo e no noso partido. Desde o PSdeG atoparemos a mellor maneira de honrar a súa memoria: traballando con responsabilidade e compromiso pola cidade que tanto amou".

Tamén o presidente español, Pedro Sánchez, lamentou a morte da alcaldesa. "Progresista, loitadora e comprometida con Lugo, a súa perda é un golpe tremendo para a familia socialista.  Un forte abrazo aos seus familiares e amigos", escribiu en redes sociais.

secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, expresaba en "X":  "Roto de dor, hoxe despedimos a Paula, unha boa amiga, alcaldesa de Lugo e unha muller que viviu por e para a súa cidade. Inxusto, demasiado pronto, demasiado duro".

O líder dos socialistas galegos agradeceulle o seu exemplo, o paso firme "contra as inxustizas" e o seu apoio nos "mellores e peores momentos" da súa vida. "Imos honrar a túa memoria como mereces, completando o teu magnífico traballo en Lugo, a cidade que tanto queremos e que tanto nos uniu", sinalou Besteiro nun comunicado.

OUTRAS FORMACIÓNS POLÍTICAS

Tamén manifestaron o seu pesar dirixentes doutros partidos. O presidente da Xunta, o popular Alfonso Rueda, confesábase "aínda en shock" polo falecemento da alcaldesa lucense, que "sempre traballou" pola cidade "con lealdade e dedicación". Así mesmo, houbo condolencias por parte doutros membros do Goberno galego, como o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; e a de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez. O PP galego deu en 'X' o seu "máis sentido pésame" á contorna de Alvarellos "nestes momentos tan difíciles".

Paula Alvarellos gobernaba en coalición co BNG. A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, mostrou o seu "profundo pesar" pola morte da rexedora, ante a cal dedica o seu "agarimo e afecto" á súa familia, amizades e compañeiros socialistas "nun momento tan triste e duro". O tenente de alcaldesa de Lugo, o nacionalista Rubén Arroxo, quen é agora rexedor en funcións, confesou que "non hai palabras" neste día "durísimo". "Que a terra che sexa leve, Paula", escribía nas súas redes sociais.

"PROFUNDA" PERDA PARA O MUNICIPALISMO GALEGO

Todo o municipalismo galego chora este sábado o falecemento da rexedora lucense. A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) emitiu un comunicado no que lamenta "profundamente" esta perda.

O seu presidente, o alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, mostrou todo o seu agarimo "á súa familia, ás súas amizades, á corporación local de Lugo e a todo o municipalismo lucense nestes durísimos momentos".

As condolencias chegaron desde outras localidades da Galicia urbana. O de Vigo, Abel Caballero, referiuse a Alvarellos como unha rexedora "dunha gran dimensión humana, unha persoa próxima e entrañable".

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, tamén do PSdeG, díxose "sen palabras" pola perda dunha "amiga" e unha "muller comprometida co socialismo, con Lugo e coas mulleres". A de Santiago, a nacionalista Goretti Sanmartín, mostrouse "aínda conmocionada" e mostrou a súa pesar aos lucenses e aos achegados de Alvarellos.

EMPRESAS E SOCIEDADE CIVIL

Máis aló da política, numerosos colectivos da sociedade civil se sumaron ao pesar pola perda da alcaldesa lucense. A Asociación de Veciños Centro de Lugo únese á "profunda dor" que provoca a perda da rexedora, que "sempre estivo disposta a escoitar": "Un irreparable baleiro no corazón de todos os que tivemos o privilexio de coñecela".

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) emitiu un comunicado no que destaca o "carácter afable e aberto" de Alvarellos, "sempre disposta a escoitar as ideas, propostas e inquietudes" do tecido empresarial para "fomentar proxectos que redundasen no desenvolvemento social e económico da cidade". A patronal lucense subliña a "actitude dialogante" que mantiña a rexedora, algo que era "tónica permanente" no seu traballo xa desde que era concelleira da área de Economía.

A Asociación Lugo Monumental recoñece que "persoalmente" sentía un "gran afecto por Paula", polo que se mostra "aínda en shock" polo seu falecemento e mostra o seu "máis sincero e sentido pésame" ao Concello, aos veciños e aos seus achegados.

Do ámbito deportivo, tanto o Club Baloncesto Breogán como o Club Deportivo Lugo súmanse á "dor" de toda unha cidade e mostran en redes sociais a súa "profunda tristeza" pola perda da alcaldesa. Tamén o Eixo Atlántico lamenta "profundamente" a morte de quen é vicepresidenta da mesa da súa Asemblea Xeral.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta