Nagore e Celia, unha fermosa relación avoa-neta que está revolucionando as redes sociais

Aos seus 89 anos, Celia pode dicir orgullosa que ten unha neta de 24 que se desvive por pasar tempo con ela.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 02/03/2025 | Actualizada ás 20:40

Comparte esta noticia

Nagore e Celia. Neta e avoa. Uña e carne. A unha non é sen a outra. Así de especial é a relación que une a estas dúas mulleres. Relación que a día de hoxe calquera pode ver a través das súas redes sociais, tendo xa unha comunidade en Tik Tok (@yellow_lion__) que supera os 17.000 seguidores. E non é para menos, pois resulta moi bonito comprobar como nunha sociedade tan individualista como a actual, na que cada quen se preocupa polo seu sen importar o dos demais e na que valores como a familia perden forza, aínda quedan persoas que poñen aos seus achegados por enriba de todo e que lles manifestan o seu afecto. Nun tempo no que avós e netos se atopan, en moitos casos, tremendamente separados polas diferenzas ideolóxicas, Nagore e Celia son a proba de que sempre haberá cousas en común e cousas que aprender os uns dos outros. Así, aos seus 89 anos, Celia pode dicir orgullosa que a súa neta Nagore, de 24 anos, desvívese por pasar todo o tempo que lle é posible con ela, desfrutando da súa compaña e facéndoa desfrutar a ela tamén.

Nagore e Celia, avoa e neta, están revolucionando as redes sociais
Nagore e Celia, avoa e neta, están revolucionando as redes sociais | Fonte: Tik Tok @yellow_lion__

"Aínda que fai un tempo que estou vivindo na Coruña, a relación coa miña avoa sempre foi, e segue sendo aínda agora que eu estou máis lonxe dela, moi estreita, e aposto porque seguirá sendo así sempre", asegura Nagore ao Galicia Confidencial. "A min gústame coidar da miña avoa e compartir tempo con ela, porque non concibo outra maneira de demostrarlle o amor por ela", explica, e afirma que "o adicarlle tempo véxoo algo totalmente natural, aínda que moita xente se sorprenda". E é que moitos dos comentarios que reciben nos vídeos son precisamente gabando a cantidade de tempo que botan xuntas e como se queren a unha á outra. "Sempre fomos como uña e carne e sempre o seremos", reivindica Nagore, que aínda lembra canto lle gustaba de pequena percorrer a aldea coa súa avoa e acompañala ás leiras. "Os meus avós sempre traballaron as leiras e sempre tiveron animais, e eu lembro con moi bo sabor de boca e como un recordo moi bonito o ir con eles e saír pola aldea patear cunha burriña que tiñamos", conta visiblemente emocionada. Ademais, "como a min me encantan os animais, para min esa experiencia era o máximo".

Historias coma esa, así de fermosas, estas dúas mulleres teñen miles, para non parar de contar ata o ano que vén. E precisamente por iso e porque siguen creando lembranzas xuntas cada día, Nagore asegura que "todos os vídeos que temos subidos son espontáneos e sen guión, porque non o precisamos". "Non seguimos ningún tipo de plan de contidos, simplemente queremos compartir nas redes os momentos que nos apetece compartir e aqueles que realmente nos gustou vivir", explica Nagore, que asegura que, para ela, o Tik Tok "é coma un álbum de lembranzas que me permite ter gardada unha galería de vídeos para revivir momentos no futuro e no presente". Tanto é así que confesa que moitas veces ponse a mirar vídeos antigos "escacho á risa eu soa ao tempo que me invade a ledicia de poder desfrutar outra vez desde momentos tan felices que vivín coa miña avoa". "Ao final capturo os vídeos precisamente para iso", argumenta.

"A MIÑA AVOA É UNHA DESFRUTONA E, AÍNDA QUE AO COMEZO SE AMOSE RETICENTE, SEMPRE REMATA DICÍNDOME QUE SI A TODO"

Nagore asegura que ten a grandísima sorte de que, aínda que ao principio Celia se amosa reticente, a súa avoa sempre lle di que si a todo. "Ao final sempre acaba cedendo, aínda que sexa unha persoa desas das que de primeiras che vai dicir que non o quere facer ou que non lle apetece, tamén porque creo que ten interiorizado que certas cousas non son para ela ou que non debería facelas", indica. Con todo, "ao final sempre se presta, porque como eu lle digo moitas veces, é unha desfrutona, así que non hai moito problema para gravar". Pero Nagore tamén confesa que "ás veces sorpréndese con algunhas das cousas que lle propoño". E pon o exemplo de cando lle propuxo facer unha escultura das súas mans empregando un molde de xeso. "Sorprendeume que saira tan ben ao final porque tiñamos que estar moito tempo coas mans quietas dentro dun cubo, e foi todo un reto aguantar sen movernos, pero ao mesmo tempo supuxo unha experiencia moi chula e bonita que nos gustou moito, como moito nos gustou tamén o resultado", lembra Nagore, aínda rindo ao rememorar a experiencia.

Por todas estas cousas e por todos os bos momentos vividos coa súa avoa e os que aínda lle quedan por vivir, Nagore lanza un mensaxe aos mozos e mozas da súa idade que aínda poidan desfrutar dos seus avós, porque "o tempo é algo que non imos recuperar nunca". "Eu son unha persoa que priorizo moito o compartir tempo coa xente que quero, porque creo que é o máis importante e esa é a forma máis bonita de demostrar o amor baixo o meu punto de vista", explica. Por iso, "diríalles aos rapaces e rapazas que cada día conta e que a vida vívese día a día, porque quizáis mañán non poderás facer o que querías facer hoxe, así que non hai que deixar pasar a oportunidade de facelo, neste caso o pasar tempo cos avós, porque aínda que hoxe estean connosco, poida que mañán non", lamenta.

"NON ENTENDO OUTRA MANEIRA DE COMUNICARME COA MIÑA AVOA QUE NON SEXA EN GALEGO"

Outro dos aspectos a poñer en valor desta conta de Tik Tok é o emprego da lingua galega nos vídeos. Sobre este tema, Nagore confesa que xa ten recibido algún que outro comentario non de todo positivo --aínda que tamén os hai positivos, e moito--. Así, confesa que na súa vida cotiá ela non é galegofalante, pero que "non entendo outra maneira de comunicarme coa miña avoa que non sexa en galego". "Ela (Celia) falou galego toda a súa vida", asegura, convencida de que seguramente o escoitala falar en galego tivese contribuído a que, a día de hoxe, poida dicir orgullosa que "son totalmente bilingüe". Ademais, xa non só é que Nagore fale galego como a súa avoa, senón que fala o galego da súa avoa, porque tamén inclúe os trazos dialectais do mesmo, como son a gheada e o seseo. "Moita xente tenme deixado comentarios nos vídeos sorprendida porque empregue a gheada, pero ao final eu quero usala porque tamén me parece unha maneira de visibilizar que hai máis dun galego e máis galegos fóra do normativo". E é que estas mulleres son da zona de Marín, onde estes deíxes son moi frecuentes entre a poboación galegofalante.

Ademais, máis aló diso, tamén considera que "crear o meu contido en galego é a miña contribución á loita pola nosa lingua, á loita para que non se perda a que tamén é a miña lingua". Por iso, cando recibiu nun dos seus vídeos coa súa avoa un comentario preguntándolle por que non creaba contido en castelán para que o entendese todo o mundo, Nagore non puido pasalo por alto e tivo que respostar á pregunta noutro vídeo. "Non quixen sen agresiva nin nada polo estilo na miña resposta, simplemente tratei de trasladarlle a esa persoa que a min dáme igual o que digan sobre o meu idioma ou sobre min falándoo, porque realmente non me inflúe agora nin me vai influír no futuro, porque eu sempre vou facer o que quero, e teño todo o dereito do mundo a falar na miña lingua", conclúe a marinense. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta