A Xunta anuncia multas a agresores de sanitarios aínda que a xustiza non vexa delito

Anuncia que blindará por lei medidas ante agresións a sanitarios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/03/2025 | Actualizada ás 14:11

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este luns unha reforma da Lei de Saúde de Galicia para blindar medidas fronte ás agresións "físicas e verbais" dirixidas ao persoal do Servizo Galego de Saúde (Sergas). Entre elas, estará a imposición de multas de carácter administrativo ante o suposto agresor, "aínda que finalmente" a xustiza "considere que non hai infracción penal"; e a instalación de botóns de alerta --actualmente presentes en 15.700 computadores-- "na totalidade" dos centros sanitarios e nos móbiles do persoal de urxencias.

Tras a reunión semanal do Goberno autonómico, Rueda anunciou este "paquete de medidas" que se incluirá na Lei de Saúde do ano 2008, a través dunha reforma que agora empeza a súa tramitación. Algunhas delas xa estaban incluídas nos protocolos do Sergas, como prestar asistencia xurídica --a través da asesoría xurídica da Xunta, que se poderá personar na causa-- e psicolóxica ao profesional agredido. Ademais, a norma incluirá que as xerencias das áreas sanitarias comunicarán "de oficio" á Fiscalía Superior de Galicia todos os casos de agresión que coñezan, independentemente de se o traballador denuncia ou non, algo que tamén estaba nos protocolos.

Varias ambulancias nas Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña
Varias ambulancias nas Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña | Fonte: M. Dylan - Arquivo

Con todo, se non chega a observarse unha infracción penal, a reforma legal contempla a principal novidade de que a Xunta poderá iniciar ou continuar, de ser o caso, o procedemento sancionador de carácter administrativo tomando como base os feitos que os tribunais declararon probados. Así mesmo, instaurarase un Rexistro Galego de Actos de Violencia Externa no ámbito sanitario; deseñarase un plan de prevención que realice unha avaliación integral do risco por cada centro; e adiantarase a formación contra as agresións: de abril a setembro, desenvolveranse 24 cursos aos que poderán asistir máis de 4.100 empregados do Sergas.

Esta reforma chega xusto un mes despois de que o 3 de febreiro un enfermeiro fose apuñalado por un paciente nas urxencias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), un feito que desatou protestas dos profesionais para reforzar a seguridade no seu ámbito laboral.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta