Só un 18 % das medianas e grandes empresas galegas están rexidas por unha presidenta

Galicia encabeza o aumento de directivas en España cun 41 % dos postos ocupados por mulleres, segundo un estudo do Instituto de Censores Xurados de Contas, que constata tamén un descenso do emprendemento feminino.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/03/2025 | Actualizada ás 16:27

Comparte esta noticia

Un 41 % dos postos directivos en Galicia estiveron ocupados en 2024 por mulleres, fronte ao 33 % de 2023. A comunidade autónoma lidera o crecemento de directivas e sitúase un punto por enriba da media española, segundo o informe 'O ascenso das mulleres na empresa galega' realizado polo Instituto de Censores Xurados de Contas en Galicia (ICJCE Galicia).

Este ascenso profesional chega aos máximos postos de responsabilidade: un 18 % das medianas e grandes empresas galegas están rexidas por unha presidenta; un 18 % ten unha conselleira delegada, e un 25 % dos consellos de administración están integrados por mulleres. Ourense é a provincia máis paritaria na alta dirección de empresas, cun 18 % de presidentas, un 20 % de mulleres CEO e un 29 % de conselleiras. O informe tamén analiza a totalidade das 208.092 empresas privadas galegas. O 44 % das empresas con sede en Galicia están en mans de mulleres. Esta cota mantense invariable na última década: en 2012 a propiedade feminina tamén era dun 44 %.

DESCENSO DO EMPRENDEMENTO FEMININO

Con todo, o estudo revela un descenso do emprendemento feminino. A creación de empresas por parte de mulleres cae entre 2012 e 2022 nun 15 % entre as menores de 26 anos e un 26 % entre as que teñen entre 26 e 35. Na actualidade, o 52 % das empresas con propiedade feminina están en mans de mulleres maiores de 45, especialmente de máis de 55. No grupo das principais compañías galegas produciuse nesta década un visible ascenso de mulleres á máxima liña executiva. Como exemplos apuntan a Lence (séctor lácteo), Freire Irmáns (siderurxia), RC Celta SAD (deporte/espectáculo) ou Inditex, Adolfo Domínguez e Roberto Verino no sector da moda.

O informe 'O ascenso das mulleres na empresa galega' está impulsado polas auditoras e auditores galegos no Instituto de Censores Xurados de Contas en Galicia (ICJCE Galicia). A directiva desta entidade, Ana Pumar, pon en valor a equidade de xénero nas empresas como un modo de "impulsar mellores resultados e máis igualdade". "Lembramos o valor de auditar as contas: as empresas auditadas son máis igualitarias que as que non o son", sinala. As empresas con sede en Galicia que someten as súas contas a auditoría mostran unha maior presenza de mulleres nos seus cadros de persoal (49 %) que as que non o fan (34 %). O estudo do ICJCE analiza un amplo panel de datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), Instituto Nacional de Estatística (INE), Conselleiras Galicia, Ardán, Grant Thornton e Comisión Nacional de Mercado de Valores (CNMV).

Recurso dunha muller escribindo nun computador portátil
Recurso dunha muller escribindo nun computador portátil | Fonte: COMUNIDADE DE MADRID - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta