Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/03/2025 | Actualizada ás 12:10
O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, sinalou, en referencia á condonación da débeda que esta semana ocupou o debate político nacional, que o "único que pide" é que se financie as comunidades autónomas "de acordo aos dereitos que teñan os cidadáns".
"Terán en conta, efectivamente, a poboación, as características peculiares que teña cada comunidade autónoma, pero fundamentalmente o financiamento dos dereitos, non tomando como referencia balanzas fiscais", puntualizou nunha entrevista na Radio Galega recollida por Europa Press.
A continuación, Santalices incidiu en que se se toman como referencia esas balanzas fiscais "saen beneficiadas" determinadas comunidades que, "no seu día, xa foron súper beneficiadas".
Sobre os 4.000 millóns de euros que o Estado asumiría no caso da proposta de Facenda para condonar a débeda, Santalices pregúntase que significa e se van dar esa cantidade de diñeiro."Vannos a dar 4.000 millóns de euros? Hai que saír disparados, cruzar Padornelo e collelos, se son 4.000 millóns, pero o asunto parece que non é así", esgrimiu.
O presidente da Cámara galega indicou que, ao parecer, a condonación da débeda "non se reflicte" na realidade de ningunha liquidez que "vaia a ir para as comunidades autónomas". Por iso, pediu que se financien a comunidade autónomas "de acordo aos dereitos que teñan os cidadáns".
COMPETENCIAS PARA GALICIA
En canto á ampliación de competencias da comunidade galega, Santalices afirmou que se deben ampliar, pero "dentro do sentido común". Neste sentido, "está de acordo" en que se aborden as transferencias que a comunidade galega vexa que son necesarias e das que "teña suficiente autonomía" para poder xestionalas.
"Eu son profundamente autonomista. A min, cada vez que me falan de devolver competencias ao Estado, digo, en Galicia, non. Se o que supuxo Galicia sen transferencias, por exemplo no ámbito sanitario", esgrimiu Santalices.
"CONSENSO" POLO GALEGO
Consultado sobre o debate xerado en torno ao galego, Santalices afirmou que lle gustaría que as forzas políticas galegas "chegasen a un consenso" para preservar o idioma galego. "O que me gustaría é que todos remásemos na mesma dirección porque é así como pódese potenciar o idioma e non enfrontándonos entre nós", asegurou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.