Falece a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, tras sufrir un infarto

Infartou antes de que comezara o pregón do Entroido e foi traladada ao hospital de inmediato.

Por Europa Press / Redacción | LUGO | 01/03/2025 | Actualizada ás 10:48

Comparte esta noticia

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, morreu na mañá deste sábado despois do infarto sufrido na noite do venres, segundo confirman a Europa Press fontes do PSdeG-PSOE.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos | Fonte: Concello de Lugo

A rexedora lucense, de 62 anos, acudiu xunto co resto da corporación ao pregón da Praza Maior, pero instantes antes de que comezase o pregón, sufriu un desmaio. Foi atendida por unha médico que se atopaba preto dela.

Foi trasladada de urxencia ao HULA e, de alí, tras comprobar a severidade das súas feridas, ao CHUAC onde faleceu a primeiras horas deste sábado.

Galicia Confidencial publicaba o xoves e venres unha longa entrevista coa alcaldesa na que falaba dos seus proxectos para a cidade de Lugo e a súa boa relación co equipo de goberno, tanto do PSdeG como do BNG.

DESPEDIDA

Políticos galegos desprazáronse este domingo á casa consistorial para despedir á alcaldesa, Paula Alvarellos. No salón de plenos da casa consistorial está instalado un libro de condolencias que permanecerá aberto este domingo e luns de 10.00 horas a 14.00 horas. Ata alí desprazáronse na mañá deste domingo diferentes representantes institucionais galegos. Un deles foi o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.


"Poden estar satisfeitos", deixou escrito Rueda no libro de condolencias e trasladou o pésame á familia da alcaldesa. "Ao meu parecíame unha persoa próxima, preocupada, insistente, centrada nos temas. Ao meu dábame a impresión de que podiamos traballar moi ben, como así foi durante este ano", destacou Rueda.

Na casa consistorial tamén se estiveron presentes o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; e, entre outros, o alcalde de Vigo, Abel Caballero.

ORIXINARIA DE PONTECESO

Paula Alvarellos (Ponteceso, 1963) era avogada de profesión. Tomou posesión como alcaldesa de Lugo o 18 de xaneiro de 2024, despois da dimisión de Lara Méndez, da que herdou un goberno de coalición co BNG.

Estudou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e exerceu durante anos como avogada nun despacho en Lugo. Ademais, foi profesora do Máster de Avogacía da USC e estivo ligada á asociación Concepción Arenal, que apoia a inserción de persoas que cumpriron pena de prisión.

Alvarellos ccedió á política local da man do PSdeG-PSOE no ano 2019, cando concorreu na lista ás municipais que encabezaba Méndez. Entón, entrou no seu goberno como unha dos tenentes de alcaldesa e encargada da área de Gobernación. En 2023, repetiu na candidatura socialista e en xaneiro de 2024 converteuse en rexedora.

CHEGADA Á ALCALDÍA

Nun acto cargado de emotividade, Paula Alvarellos recolleu o bastón de mando dun goberno local que coñecía en profundidade e arroupada polos seus compañeiros de partido e tamén de coalición, afirmando que se producía unha continuidade na xestión.

Tres feitos quedarán para a historia no goberno de Paula Alvarellos. A inauguración do auditorio Fuxan vos Ventos, tras varios anos paralizado; o desatasco da xestión do servizo de Urbanismo da cidade, en vías de solución tras a contratación dun xestor e o cambio das normativas para axilizar o proceso; e o inicio das obras da estación intermodal, que significou o acordo de varias institucións.

Foi unha lexislatura complicada tamén, cunha longa baixa por enfermidade de dous concelleiros, xa que ademais de Miguel Fernández, tamén o estivo Pablo Permuy, polo que a alcaldesa tivo que asumir algunhas carteiras.

O último proxecto inaugurado por Alvarellos foi este venres, en acordo coa Confederación Hidrográfica: a reforma da rúa Serra de Meira para evitar as inundacións do río Intre. Traballos que daban pé a seguir falando do Plan Paradai.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta