Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/10/2018 | Actualizada ás 20:25
O Consello da Xunta vén de aprobar este xoves o Decreto que fixa o calendario laboral para 2019. Galicia terá como festivos propios o próximo ano os días 17 de maio, Días das Letras Galegas; o 19 de marzo, San Xosé; e o 25 de xullo, Día Nacional de Galicia. Unha vez aprobado o calendario, tras debaterse a proposta no Consello Galego de Relacións Laborais, o seguinte paso será a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).
A normativa estatal, fixada polo Real Decreto 2001/1983, establece as 14 festas anuais non recuperables, remuneradas e de carácter obrigatorio. Destes 14 festivos, dous son elixidos por cada concello. Dos outros 12 restantes, nove son de carácter obrigatorio e non substituíbles a non ser que coincidan en domingo: 1 de xaneiro, Venres Santo (19 de abril en 2019), 1 de maio, 15 de agosto, 12 de outubro, 1 de novembro, 6 de decembro, 8 de decembro e 25 de decembro. No ano 2019 hai un só festivo en toda España que coincide en domingo: o 8 de decembro, Inmaculada Concepción, que se substituirá polo 19 de marzo (San Xosé).
Ademais, outros tres festivos de carácter estatal poden ser substituídos polas comunidades autónomas: o 6 de xaneiro, que nunca se cambia, agás que coincida en domingo, como ocorre en 2019; o Xoves Santo (o 18 de abril en 2019), que Galicia non cambia tradicionalmente; e dáselle a opción ás comunidades entre o 19 de marzo e o 25 de xullo. En Galicia sempre se fixa o 25 de xullo, xa que é o Día Nacional de Galicia. Así quedou establecido, ademais, polo Decreto 8/1978, do 10 de xullo.
O 6 de xaneiro, ao caer en domingo, substitúese polo 17 de maio, o Día das Letras Galegas. “O Goberno galego considera que esta xornada ten que seguir sendo festiva pola súa importancia para a cultura galega, por tratarse dunha festa de carácter cultural e polo seu significado: foi instituída no ano 1963 pola Real Academia Galega para conmemorar o libro de Rosalía de Castro Cantares Galegos e porque fomenta a lingua e a cultura da nosa Comunidade”, apunta a Xunta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.