Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/10/2018 | Actualizada ás 14:53
O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez (FeC), felicitou este venres ao gañador das primarias á Secretaría Xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, de quen destacou que é "un bo amigo que sempre apostou pola unidade popular" nas mareas municipalistas.
En declaracións aos medios tras a firma dun convenio coa Xunta e o Goberno central para a rehabilitación de vivendas, Suárez manifestou que, a pesar de que el non pertence ao partido morado, as formacións que integran En Marea "están de parabén": "Gómez-Reino representa o que estamos a impulsar desde os concellos". Ademais, o rexedor ferrolán felicitou a Podemos Galicia e á outra candidata, a deputada no Congreso Carolina Bescansa, por, segundo as súas palabras, "o proceso limpo que tiveron" para a elección da nova dirección.
Preguntado sobre as súas expectativas de cara ao plenario de En Marea, que se celebrará este sábado e que prevé iniciar o proceso de renovación do Consello das Mareas, respondeu que aposta "por que todas as sensibilidades estean representadas" no máximo órgano do partido instrumental. "Que o diálogo impere e que as conclusións, dentro da discrepancia, sexan aceptadas por todos", expresou. Así mesmo, Suárez manifestou a súa coincidencia coa posición do sector crítico coa actual dirección --agrupado ao redor da mesa da confluencia-- de que o proceso se realice a través de listas abertas: "Como integrante de Ferrol en Común, aspiro a que as propostas da mesa da confluencia saian adiante fronte á posición actual".
PSOE DE FERROL
Sobre as primarias do Partido Socialista de Ferrol para elixir candidato á Alcaldía nos comicios municipais de maio de 2019, o actual rexedor agarda que se produza "un debate desde as súas bases para que os pactos que se poidan producir no futuro" na formación dun goberno local "sexan moito máis leais e honestos que no mandato anterior".
E é que ao comezo da presente lexislatura, Ferrol en Común chegou a un pacto de goberno cos socialistas que finalmente rompeu en 2016. Agora, o PSOE conta con tres precandidatos á Alcaldía da cidade --Germán Costoya, Antonio Golpe e Ángel Mato--, entre os cales "hai unha parte obviamente continuista do proxecto anterior" que, en palabras de Suárez, "non foi, desde logo, positivo para a cidade".
No entanto, o aínda alcalde móstrase "optimista" e dixo que Ferrol en Común "aspira a ter a maioría suficiente para non ter que recorrer a ningún pacto". "Temos un respaldo social importante a pesar de todos os conflitos habidos durante todos estes anos", sentenciou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.