A Xunta recomenda suspender actividades exteriores polo temporal costeiro

Tanto a Secretaría Xeral para o Deporte, como a Consellería de Educación anunciaron que non se realizarán actividades fóra dos centros.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/11/2018 | Actualizada ás 11:27

Comparte esta noticia

A Secretaría Xeral para o Deporte recomendou que se suspendan as actividades deportivas en exteriores ante a alerta laranxa declarada pola borrasca 'Beatriz', que afectará as provincias da Coruña, Pontevedra e Lugo por temporal costeiro, vento e choiva.

Efectos de Beatriz en Vigo
Efectos de Beatriz en Vigo | Fonte: Miguel Núñez.

A través dun comunicado, o departamento dirixido por Marta Míguez suliñou que o aviso comezará ás 12,00 horas deste venres e prolongarase até medianoite, con ventos superiores aos 100 quilómetros por hora.

Así, a Secretaría Xeral para o Deporte comunicará estas circunstancias ás federacións deportivas galegas para que leven a cabo esta medida e fagan un seguimento dos partes meteorolóxicos durante a xornada.

Se as circunstancias de certas localidades supuxesen un risco superior ao declarado, as entidades deportivas poderán adoptar as decisións oportunas en canto ás distintas actividades. Así mesmo, a Consellería de Educación suspendeu as actividades escolares no exterior dos centros. Será un día lectivo, aínda que os directores poderán adoptar decisións se existe un risco elevado.

Ademais, debido ao temporal costeiro suspéndense tamén as actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas consideradas máis perigosas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta