Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/11/2018 | Actualizada ás 22:00
-Cal é a impresión que ten dos diferentes candidatos que concorrerán ás municipais en Ferrol?
Ben, por unha banda está un Partido Popular onde en 2011, diante da súa merma de retribucións, fai un “toma o diñeiro e corre” por parte de José Manuel Rey Varela e marcha cara a Xunta de Galicia. Así mantén un grupo de fontaneiros traballando durante catro anos para debilitar o goberno local, sen ningunha proposta en positivo, só destrución como fixo o seu concelleiro principal cando marchou e agora veñen de salvadores da cidade. Iso cando o período máis nefasto da democracia na cidade foi cando gobernaron eles. Sobre o PSOE, tiveron as súas primarias recentemente. Considero a Ángel Mato unha persoa dialogante, coa que se pode chegar a acordos, aínda que o seu programa político está máis á dereita que o noso, pero creo que é imprescindible para a esquerda da cidade que se poda ter unha persoa de talante aberto como é el para chegar a acordos, e aspiramos a revalidar maioría. O BNG tamén repite candidato, apoiou a nosa investidura, non quixo formar parte do goberno. Teño todo o respecto político por el e espero que, de darse a circunstancia, entre no goberno, porque para mudar esta cidade, precisamos de todas as forzas.
-A ausencia de Beatriz Sestayo para as vindeiras municipais, non é para vostede unha sorpresa?
Penso que todos os proxectos teñen un principio e un final cando a súa base non é sólida. Creo que ano tras ano, as promesas que non podes cumprir están baseadas en fume, ao final cae o telón e queda en nada. Agora mesmo, creo que os principais responsables da ruptura do pacto de goberno que non foron quen de facer un proxecto conxunto con nós, senón que sempre gobernaron contra nós, quedaron fóra do mapa político e iso pode cambiar as cousas e creo que é unha boa noticia para Ferrol.
-Cales son os puntos que quedan por pechar do programa de Ferrol en Común?
Moitos, desde logo. Creo que hai que ser autocríticos e considerar as cousas friamente. Nós chegamos cunhas ambicións de transformación que dentro dun grao medio non se puideron cumprir porque a maquinaria legal e administrativa non é propicia para cambios a curto prazo. Por iso aspiramos a repetir o mandato para que as grandes eivas que nos quedan por cumprir como a creación de emprego público masivo e a remunicipalización de servizos, poidamos facelo no seguinte mandato, pero neste creo que en emprego, benestar e cultura fixemos grandes cousas e en urbanismo, proxectos que levaban tempo esperando, como en Caranza, a Praza de Armas ou Santa Mariña si se verán cumpridos.
-As candidaturas populares concorren nas sete grandes cidades, pero noutras vilas pequenas e concellos de menos habitantes poden presentarse forzas políticas próximas ás “mareas” e tamén que Unidos Podemos vaia por separado.
Creo que hai que ser o máis asépticos posibles. A unidade popular é única, non hai moitas unidades populares. Pero tamén transmitir que isto non é negativo, só algo que acontece, pluralidade, esas candidaturas representarán outras sensibilidades, pero penso que deberiamos seguir traballando para conseguir esa unidade.
-Antes falaba de creación de emprego, pero sobre as fragatas, terá solución? E de repetir na vindeira lexislatura, que farán para diversificar a economía da cidade?
O tema das fragatas é dunha gravidade extrema, porque xogar con miles de postos de traballo polos intereses particulares dun ministro e a súa empresa, debera ser investigado pola xustiza, e esperamos con condena firme para que non volva acontecer. Sobre as fragatas, a orde de execución está para publicar e vanse construir. Obviamente, o monocultivo industrial non favorece para nada economicamente á cidade. As capacidades de creación de emprego coas competencias que ten un concello é complicado desenvolvelas. Mais é certo que o Sistema de Emprego Municipal tivo máis actividade neste mandato que nunca, formando e reciclando traballadores. O teito no sector naval en creación de emprego aínda está lonxe de acadarse. O caso é que ten unhas necesidades específicas sen cubrir, que corroboran tanto a patronal como os sindicatos, que precisan de man de obra cualifica e aí debemos concentrar os esforzos. En canto á diverisificación, creo que so polígonos industriais e a oportunidade tamén do sector primario a través do cooperativismo, son obxectivos que ían no noso programa electoral, que se deron algúns pasos formativos e que tiñan que seguir executándose.
-Cando aconteceu a súa visita á depuradora e se descubriu que o investimento realizado non se reflectía en toda esa infraestructura, pensa que foi o momento en que a oposición iniciou tentar boicotear o labor de goberno?
Penso que hai varios factores. O feito de ser unha forza nova que alterou o mapa político de maneira fundamental, pois xa nos fixo obxectivo. O tema da depuradora creo que foi unha grande estafa. Uns pola dereita querendo negalo, outros pola esquerda facendo demagoxia querendo remunicipalizar en 24 horas cando saben que non é posible, si que comezaron crispar os plenos e o ambiente político, chegando mesmo ás descualificacións persoais, cunha degradación da política que a xente non comprende e creo que iso se ten que corrixir.
-Un exemplo desa política de crispación sería prorrogar os orzamentos en 2017 e ofrecerse pasar unha moción de confianza?
No segundo ano de goberno levamos unha proposta de orzamento rexeitada no pleno, que impediu levar a diante a oferta de emprego público e no terceiro ano tivemos que vincular os orzamentos a unha moción de confianza, e iso ten que ver cos intereses partidistas por encima dos da cidadanía.
-No caso de non repetir na alcaldía, permanecerá na oposición?
Creo que queda moito camiño por percorrer, se repito como candidato, sonará a tópico, pero é por algo vocacional. Teño o meu posto de traballo, unha vida tranquila pero eu fago isto porque creo nesta cidade e no noso proxecto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.