A oposición insta ao Concello de Tui a retirar os cascallos "pola vía de emerxencia"

A oposición ao completo votou esta emenda que dicta que a interventora municipal realice un "informe xurídico" coas posibilidades de actuación do concello para levar a cabo ese desentullo.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 30/11/2018 | Actualizada ás 20:53

Comparte esta noticia

O Concello de Tui anunciou este venres que "está disposto" a "executar" a retirada de cascallos da explosión do almacen ilegal de material pirotécnico no barrio de Paramos "se se atopa unha vía xurídica que permita a axilización desa execución", despois de que a oposición emendase unha moción do equipo de goberno instándoo a utilizar a "vía de emerxencia".

Cascallos após a explosión de Tui en Paramos, que deixou arrasou vivendas. EUROPA PRESS - Archivo
Cascallos após a explosión de Tui en Paramos, que deixou arrasou vivendas. EUROPA PRESS - Archivo

O equipo municipal de Tui levou ao pleno deste xoves unha moción para instar o Ministerio de Política Territorial a executar a retirada dos cascallos da explosión de Paramos que foi emendada pola oposición de tal maneira que será o propio concello o que teña que realizar ese desentullo se o informe da interventora municipal é favorable.

"O Estado garante o pago dos labores de desentullo ao decretar a zona como catastrófica, o que queremos é que se faga dunha forma máis áxil e eficaz e a lei contempla que en situación de emerxencia o propio goberno local pode, de forma directa, adxudicar a unha empresa especializada ese labor", explicou o concelleiro do PSdeG en Tui, Enrique Cabaleiro.

A oposición ao completo --que ten nove concelleiros fronte aos oito do equipo de goberno-- votou esta emenda que dicta que a interventora municipal realice un "informe xurídico" coas posibilidades de actuación do concello para levar a cabo ese desentullo. "Temos que saber que opcións temos. Ante a indecisión do goberno municipal queriamos obrigarlles a dar un paso adiante", explicou a concelleira polo BNG en Tui, Carmen Núñez.

O consistorio, que se abstivo na votación da emenda, mantén que "someter" esa execución cun "procedemento ordinario" da lei de contratos "atrasaría moito" a acción e que isto sería "moi lesivo para os veciños". "As reticencias manifestadas en semanas anteriores polo concello con respecto á firma dun convenio teñen que ver co temor ao gran atraso que xeraría o sometemento á Lei de Contratos", aseveraron desde o ente local.

Desde a oposición, o concelleiro non adscrito José Prada sostivo que o alcalde ten "nas súas mans" a solución para o que cualificou de "encrucillada" para os veciños. "Os afectados non poden estar un día máis así", afirmou, para engadir que "moitos terán que devolver as subvencións se non poden empezar a reconstruír as súas casas".

CONVENIO A DÚAS OU TRES BANDAS

O Concello de Tui tamén informou de que un "asesor xurídico" enviou este venres "un correo electrónico" á "Vicesecretaria Xeral Técnica do Ministerio de Política Territorial" para realizar "unha consulta xurídica". Así mesmo, tamén apunta que remitiron á Secretaria Xeral Técnica do Ministerio de Política Territorial "unha carta solicitando unha reunión de carácter técnico e xurídico para colaborar na elaboración dun convenio entre o concello e o Goberno central".

Segundo explicaron desde o consistorio tudense, este "convenio" podería ser a "dúas bandas" entre o concello e o Estado, ou a tres, "coa posible incorporación da Xunta", o que estimaron que podería "ser útil". Doutra banda, o Concello de Tui lembrou que non recibiu "un borrador do convenio que propón establecer o Goberno central" e reiterou que "entregou" na Subdelegación do Goberno de Pontevedra un "proxecto" para a execución do desentullo de Paramos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta