A recollida de lixo, sabemos algo de quen limpa as rúas?

O colectivo de traballadores e traballadoras da recollida e reciclaxe do lixo conforma un segmento laboral cunhas características propias. Existen ideas preconcebidas e sobre todo, un descoñecemento moi amplo sobre as tarefas que desenvolven, así como das normas, convenios e as doenzas profesionais que máis inciden sobre a súa saúde.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/12/2018 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

A recollida do lixo son un conxunto de pasos destinados non só para retirar os refugallos, cartóns, vidros e restos biodegradables das rúas e estradas. Detrás desta actividade laboral hai unha lexislación que regulamenta cando, como e onde depositar os restos desbotados do día a día. Tamén existe unha lexislación laboral, con diferentes convenios, que lles recoñece aos traballadores e traballadoras unha serie de dereitos e incentivos debido á excepcionalidade dalgunhas tarefas que desenvolven.

Recollida de lixo
Recollida de lixo

Coma outras profesións, existen quendas de noite, mañá e tarde. Existe o risco laboral presente en moitas maneiras, accidente por caída, por golpe, por manipulación de contedores en mal estado e que ao final, co paso do tempo pode deixar unha lesión ou unha invalidez permanente. Á parte está a toxicidade presente en moitos dos produtos depositados en contedores, dentro de bolsas ou en caixas de cartón que, consciente ou inconscientemente, depositamos na rúa.

UNHA PROFESIÓN COMO OUTRA

A idea de desenvolver unha vida profesional dentro da recollida e tratamento dos residuos urbanos, non era precisamente a idea máis atractiva para a maioría. “Hai trinta anos, cando eu entrei, ninguén quería ser barrendeiro, mesmo lles parecía unha cousa de desprestixio, pero hoxe nalgúns centros hai listas de espera para poder entrar” comenta Juan Carlos Carreira, de UGT. “No caso concreto dun centro de traballo perto de Santiago, grazas á presión que se exerceu por parte dos traballadores e traballadoras, conseguiuse mellorar tanto a calidade dos postos de traballo, a seguridade e os enseres, así como roupa de traballo, iso traduciuse mesmo na chegada de máis Cvs á empresa” explica Ricardo Santos de CC OO.

“A día de hoxe, en circunstancias normais, vennos como algo necesario que ten que facerse para manter limpa a cidade, iso é o positivo” di Ricardo Méndez da CIG, que tamén recorda “cando estás reclamando os teus dereitos e vas á folga, hai persoas que entenden que estás pedindo os teus dereitos, pola outra banda hai tamén unha maioría que pensan nas complicacións da acumulación de lixo”. O comportamento cívico por parte da cidadanía maioritariamente é respectuoso con este colectivo laboral, pero outras veces hai persoas cun comporamento incívico ou que non estima oportuna a súa colaboración con estes traballadores e traballadoras. “Hai tempo en Compostela era imposible entrar na rúa do Franco, había que chamar á Policía Local para podermos entrar” lembra Rafael da CUT, que ademais sinala a falta de civismo “cando a xente tira as bolsas con lixo ao pé do contedor ou mesmo as saca fóra antes da hora establecida, que en Compostela é por exemplo a partir das 19:30”.

Recollida de lixo
Recollida de lixo

RÉXIME LABORAL

As cuestións máis remarcables no momento de abordar a legalidade laboral e os dereitos, así como deberes das persoas que traballan na recollida e tratamento do lixo, están reflecticas primeiramente nun convenio marco estatal. A partir de aí pódense facer modificacións en canto termos salariais ou de horarios segundo a empresa. Por tanto, o convenio marco sería a base para os convenios provinciais, que amparan maioritariamente aos empregados e empregadas dos concellos cun número reducido de persoal laboral. Non  obstante, as grandes cidades en Galicia, como no resto do Estado, teñen concesións a empresas que á súa vez posúen convenios laborais propios.

“Temos incentivos de nocturnidade, toxicidade, salario base e plus de transporte” di Rafael que sinala “as quendas no noso caso  é fixa, os traballadores da noite son sempre os mesmos e así acontece nas outras quendas de mañá e de tarde e en todos eles hai recollida e barrido”. No caso de Santiago, anteriormente había un turno partido de mañá e tarde. “Había moitos servizos que se nos escapaban ou non podíamos atendelos debidamente, por iso no último convenio reestruturamos todo para atendelos segundo a quenda”.

A semana pasada Galicia Confidencial informaba do conflito laboral en Ecourens, unha Unión Temporal de Empresas concesionaria da recollida en Ourense. Logo de varios anos pedindo melloras, entre outras a contratación de máis persoal, a empresa decide facer esas contratacións días antes das eleccións sindicais, e tal como denuncian traballadores da empresa, “son contratacións lixo”. “Este é un sector que reclama os seus dereitos de maneira moi reivindicativa” di Ricardo Santos, “na zona que traballo eu a contratación lixo non é frecuente, pero o feito de ter ese tipo de contrato é unha das opcións, porque en vez de ter unha xornada que garanta o servizo diariamente” non obstante Santos matiza que “a contratación para fin de semana son contratos precarios, pois as persoas que se adaptan a este horario, son persoas que poden compaxinar este traballo con outro durante a semana”.

SEGURIDADE, SAÚDE E SALARIO

A cuestión da seguridade para estes traballadores cambiou moito nas últimas décadas. “A ver, cando comecei, recollíamos a man case todo o que se deixaba na rúa, hoxe en día, temos cambios con recollida lateral, traseira, máquinas de limpeza e xa é outra cousa” Juan Carlos Carreira. “O caso é que hai doenzas que si nos afectan dentro deste colectivo, traballamos á intemperie, e dentro desta profesión temos variedade de doenzas como poden ser problemas das costas e tendinite dentro dos condutores, porque agora ademais de conducir, tamén deben manexar cunha consola os diferentes aparellos que leva o camión”. Os que traballan na rúa a pé, teñen problemas de xeonllos e cadeira, todo por movementos repetitivos, sobre todo a unha idade entre os 50 e os 55 anos.  “Unha vez ao ano pasamos a revisión médica na aseguradora que teña contratada a empresa” sinala Rafael.

Sobre a seguridade, a lei obriga a vestir traxes reflectantes, uso de luvas e calzado axeitado. “Si que levamos casco, sobre todo os que van detrás no estribo, os que van colgados” di Ricardo Méndez. “Houbo un accidente laboral con resultado de morte dun traballador no País Vasco. Daquela é obrigatorio o casco, ben de ciclista ou de skate”. Por que eses dous modelos? “A velocidade máxima dun camión do lixo non pode pasar dos 30 km/k, mesmo levan un sistema que impide acelerar máis alá desa velocidade”. Este punto serviu de razonamento para a Inspección de Traballo e a Seguridade Social para deduciren que esas velocidades son semellantes ás que se collen cunha bicicleta, de aí sacaron a conclusión do uso deste tipo de cascos.

Os salarios son outro cabalo de batalla. “Hai concellos moi pequenos onde os traballadores apenas poden facer forza e os seus salarios andan entre os 750 e 800€” apunta outra fonte sindical. “O salario mínimo nalgunhas cidades está en 1.100 euros, e a iso súmanselle os diferentes pluses, incluíndo o de penosidade” di Méndez.  O plus de penosidade “Gratifica a realización do traballo en circunstancias excepcionais, pois serían actividades que supoñen un constante esforzo e son indudablemente dificultosas”. En total, un salario cualificado como digno sería a partir de 1.400€ como apuntaron fontes consultadas por Galicia Confidencial.

No entanto, a aceptación social deste traballo parece que mellorou. Basicamente, a idea de ter un posto de traballo remunerado prima no momento de querer acceder a el, como é obvio. Mais tamén está que cambiaron as ideas, a visión sobre o traballo e nas últimas décadas, houbo unha certa estimación por parte da sociedade polo labor que é a recollida do lixo. Hai quen apunta que a simple imaxe que ofrecen desde o uso de maquinaria especializada, que pide xente con certos coñecementos para a súa aplicación, o cambio de imaxe que supón un uniforme de traballo moi seguro, así como a mellora en condicións laborais, poden estar axudando a cambiar a percepción que se tiña do oficio.

Aínda así, as melloras tanto salariais como laborais e de seguridade sempre terán máis puntos para mellorar co paso do tempo. Hai trinta anos non había tanto plástico e vidro por exemplo, agora o plástico pode ser un 120% máis do recollido e o vidro puido aumentar nos últimos anos un 70% e os orgánicos tamén aumentaron de maneira exponencial. Isto precisa de novos tratamentos, de novas maneiras de actuar sobre os residuos urbanos, o que se traducirá co tempo en cambios substanciais na maneira de traballar e tamén na percepción sobre os e as traballadoras do sector. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta