Por Europa Press / Redacción | VIGO | 11/12/2018 | Actualizada ás 15:55
A Asociación de Afectados Paramos-Guillarei convoca unha "manifestación internacional" para o domingo 23 de decembro, cando se cumpren sete meses da explosión dun almacén ilegal de material pirotécnico que provocou a morte dun matrimonio e decenas de feridos, así como numerosas desfeitas materiais.
A manifestación percorrerá as rúas de Tui (Pontevedra) xusto o día antes de Noiteboa. Sairá ás 11,00 horas desde a aduana de Valença (Portugal) —onde tamén hai afectados pola explosión— e chegará até a Praza da Inmaculada de Tui.
"O único que pedimos é que se execute xa. Veñen datas sinaladas e é moi triste non poder celebrar o Nadal na túa casa", sostivo este martes Salvador García Pérez, presidente da Asociación de Afectados Paramos-Guillarei, desde a 'zona cero' da explosión.
"Isto é unha catástrofe social e humanitaria", afirmou o presidente da asociaicón. Segundo trasladou, hai 30 familias que se quedaron sen vivenda e 14 que están reacollidas; e "o único que queren é volver ás súas vidas".
"PELOTA DE TENIS" DAS INSTITUCIÓNS
García Pérez manifestou que os afectados se senten como a "pelota de tenis" das institucións. "Fannos bailar dun lado a outro coas leis e os prazos", aseverou para lembrar que o delegado do Goberno, cando lles visitou "en setembro", lles confirmou o compromiso do Estado tanto de "elaborar o protocolo para o rebo" como de "financialo".
"Aínda seguimos esperando por ese protocolo de actuación para o desentullo e que se asine o decreto lei de axudas específicas para Paramos, que contemplaba o 100% do pago do rebo e axudas para a reconstrución de vivendas", explicou o presidente do colectivo de afectados.
"Cansos", "fartos" e "indignados". Os afectados sinalan que se isto é un tema de emerxencia, non entenden como poden pasar os meses —van xa para o sétimo— e que na 'zona cero' non se movera "nin un ladrillo".
"Puxéronnos unhas reixas e aquí non entra ninguén nin se quita un cascallo. Se non se ve non existe, iso é o que están a tentar facer connosco", apuntou Lupe Pérez, secretaria da asociación de afectados, para engadir que senten "impotencia" e reiterar que "necesitan" o respaldo e o apoio do Goberno.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.