Villares tende a man "sen ningún tipo de dúbida" aos alcaldes críticos tras gañar as primarias de En Marea

Defende que as votacións teñen "plenas garantías" a pesar das dúbidas do sector crítico, que non recoñece o resultado e esixe unha auditoría

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 24/12/2018 | Actualizada ás 15:23

Comparte esta noticia

O portavoz de En Marea, Luís Villares, expresou que, logo da súa vitoria nas primarias do partido instrumental, a nova dirección ten a man tendida "sen ningún tipo de dúbida nin dobrez" aos denominados 'alcaldes do cambio', que apoiaron explicitamente a candidatura perdedora, 'Entre Todas'.

O portavoz de En Marea, Luís Villares, en rolda de prensa. EN MAREA - Archivo
O portavoz de En Marea, Luís Villares, en rolda de prensa. EN MAREA - Archivo | Fonte: Europa Press

"Esta nova dirección ten a man tendida sen ningún tipo de dúbida nin dobrez ás alcaldías e a todos os proxectos municipalistas", expresou Villares en declaracións á Radio Galega.

A candidatura 'Coidando a Casa' liderada por Luís Villares venceu nas primarias de En Marea ao lograr case o 60% dos votos polo 40% obtido pola lista do sector crítico, 'Entre Todas', encabezada por David Bruzos. Así o reflicten os resultados provisionais que, á espera da proclamación definitiva, arroxan unha clara vitoria da lista do actual portavoz, que logrou 1.596 votos polos 1.098 da candidatura dos críticos, integrada por Podemos, Anova, EU e as mareas de Santiago, A Coruña e Ferrol.

Deste xeito, cunha participación do 58% dos ao redor de 4.400 inscritos da organización, a lista de Villares copa 21 dos 35 postos do Consello das Mareas, máximo órgano de dirección entre plenarios do partido instrumental. Así mesmo, 'Coidando a Casa' tamén logra a totalidade dos cinco postos da Comisión de Garantías.

Con todo, a candidatura perdedora pon en dúbida a limpeza do proceso de votación e reclaman"unha auditoría independente" ante "indicios claros de falta de imparcialidade".

Ademais, os críticos avanzan que abrirán "un período de reflexión sobre o futuro do espazo" e que "non descartan" tomar medidas legais "pola vulneración dos acordos do plenario do 27 de outubro", no que se aprobou o regulamento das primarias.

LUÍS VILLARES

Villares, após mostrar a súa satisfacción pola participación do 58 por cento da militancia do partido instrumental, manifestou que o resultado do proceso interno que o ratifica como líder de En Marea "avala a existencia dun proxecto" polo que aposta a maioría das bases.

O maxistrado lucense incidiu en que é preciso "deter canto antes" o ruído interno para que En Marea se centre "en falar dos problemas da xente". Ademais, sostén que a nova dirección aposta por "un proxecto integrador" no que "todo o mundo colla".

Respecto das dúbidas vertidas pola candidatura perdedora, que denuncia a existencia dunha "fraude electoral" e reclaman que o resultado sexa estudado por unha auditora externa, Luís Villares indicou que "cada quen pode pedir o que queira", pero sostén que o novo sistema de votación ofrecía "plenas garantías".

"O resultado acabará convencendo a todo o mundo polas súas garantías", remarcou, antes de subliñar que a nova plataforma de voto desenvolvida na última semana ofrecía "moitas máis garantías" que a anterior, refugada por decisión do Consello das Mareas nunha reunión sen presenza do sector crítico.

Villares pon o foco no dato de participación (58% do total de inscritos), o que, ao seu xuízo, evidencia que a implementación de novas medidas de seguridade "non disuadiu a ninguén de participar" a pesar de que o sistema "era un pouco máis lioso".

Ante o risco de ruptura do proxecto de unidade popular e a afirmación por parte do sector crítico de que se dispoñen a abrir un "período de reflexión" sobre o espazo político, o portavoz orgánico e parlamentario di que "toda reflexión" debe facerse "tendo a conta o resultado" das primarias.

"Falou quen máis ordena, que son os inscritos. Toda reflexión debe quedar subordinada á súa decisión", incidiu, antes de convidar o bando perdedor a "traballar unidos" no Consello das Mareas.

RELACIÓN COS ALCALDES

A derrota da candidatura do sector crítico, apoiada polos alcaldes de Santiago (Martiño Noriega), A Coruña (Xulio Ferreiro) e Ferrol (Jorge Suárez) abre un panorama de incerteza a falta de cinco meses para as eleccións municipais ante as profundas diferenzas entre os proxectos municipalistas máis representativos e a dirección do espazo político a nivel galego.

Villares, que apuntou que non tivo contacto cos chamados 'alcaldes do cambio' desde a publicación dos resultados, recoñeceu que a cita coas urnas do próximo mes de maio representa o "primeiro gran desafío" ao que se enfronta a nova dirección de En Marea, que "se vai a envorcar cos proxectos municipalistas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 10 comentarios

5 Sentidiño

Qué sentido ten forzar o adianto das primarias para logo non aceptar o resultado? Parece que o sino do beirismo e perder e marchar, perder e marchar.,... E ao final só queda a fronte popular de Xudea...

4 GrazasBeiras

Pois saquei un intre para ler algo das novas e vin o comunicado de apoio á aventura europea que quere facer o señor arxentino que está segundo no concello de BCN. Os tres alcaldes co mesmo ton e facendo coma que Villares non existía. Pois si que parece que queren Unidos Podemos en todas partes e pasar das outras marcas. Non sei se formacións tan escuálidas coma IU ou Podemos serán quen de facer ren en Galicia pero non sería mais que outro erro de cálculo. O chama a atención é a tremenda incompetencia da dirección de Anova mais arece que aí seguen. Moi desnortado todo, se me preguntades.

3 Gamela

Deter canto antes o ruído interno? Mira quen foi falar: o que pedía complementar o seu soldo nada máis chegar, o que pretendeu botar a Paula Quinteiro cunha patada no cú, o que paralizou as votacións mediante unha Comisión de Garantías ad hoc, e que está a dicir que os procesos de votación de AgoraVoting están amañados por UnidosPodemos !!! Ruído Interno onde? Os xuíces metidos a políticos nunca deron bos resultados! Garzón - Ventura Pérez Mariño - Villares (?)

1 Gamelím

E carmena que é unha monxa?

2 lóstrego

Véseche o plumeiro, españoleiro!

3 unmais

Pois a Pauliña estaba moi ben botada, é unha vergoña nunha formacion que pretende dignificar o traballo politico ter alguen así

4 Gustavo

As comparacións son odiosas. Villares é un chaponcete que sacou a praza de xuiz, pero o seu nivel político é de 8º de EXB, máis ben.

2 Pobre mareado

Se te puxeron a dedo e aceptaches tes que aceptar que te quiten a dedo sen palleiradas. Agora quedas ti soíño

1 arzuán

Señores, acepten o resultado. Se isto non foi limpo, que veña deus e o vexa. Eu non son político, nin me quero dedicar a elo, son só un mero afiliado. E paréceme que podemos e esquerda unida, ou teñen o control ou forman outro partido en Galicia. Xa se sabe marearán a perdiz para menoscabar a En Marea. Se quieren irse váianse xa e deixen de tomarnos o pelo

1 Fonsagrada

Pero pra onde van estes de Podemos e EU...xa se lles pasou o arroz. Agora entendo que quen faga declaracions impertinentes pois xa sabemos, expedientes e expulsions. A coordinadora non lle pode temblar o pulso, é desaradable pero hai que facelo, non queda outra