Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 27/01/2019
Mito.- As VTC son máis baratas.
Non tal. As VTC son libres para pactar un prezo. Cando hai moita demanda dos seus servizos éste pode ser bastante máis alto ca os dos taxis, regulados no seu prezo por un sistema ben transparente (taxímetro). Si é verdade que cómpre unificar prezos do taxi na Galicia para áreas urbanas-comarcais no canto dos límites municipais.
Verdade.-Os taxis están moi regulados no beneficio do consumidor. As VTC non.
Certo. Ademáis do control dos prezos, os taxistas non poden usar vehículos máis vellos ca dez ou doce anos. Os VTC non teñen esa caste de controis e a súa meirande parte abusan das horas extra non remuneradas a xeito e dos falsos autónomos.
Mito.- O lóxico e competitivo é que os VTC poidan contratar en igualdade de condicións ca os taxis, é dicir simultáneamente á prestación do servizo.
Falso de toda falsidade. VTC significa “vehículo de turismo concertado”- Quere dicir que é esencial ao seu concepto que o contraten con anticipamento á execución do servizo. Velaí o acerto da recentísma normativa do Govern catalán ao impor un mínimo dunha hora entre a contratación e o comezo da execución do servizo.
Mito.- Cómpre unha regulación unitaria das VTC para todo o Estado.
Desaquelado de todo. O Tribunal da UE, que define o libre mercado, dixo que as VTC están suxeitas ao rèxime regulador do servizo público de cada territorio.
Galicia é un país coa metade dos núcleos de poboación do Estado con 2,7 millóns de habitantes que se amorean nun 70% no eixo atlántico. Precisamos unha regulación de noso dos servizos de mobilidade mínimos a un prezo máximo en todo o territorio, nomeadamente na Galicia rural e interior.
Verdade.- O servizo do taxi precisa dunha continua actualización.
Certo e os taxistas están a desenvolvela, en liñas xerais, malia que cumpran melloras para garantir os pagamentos con móbil e tarxetas ou para poder contratar no momento partillar un taxi (velaí a oferta da app Compartaxi e outras análogas).
Mito.- As VTC melloran a competitividade.
Falso. As VTC no Estado están case monopolizadas por catro grandes empresas: Moove Cars, Auro News Transport Concept, Vector Ronda e máis Cibeles, que veñen pagando soldos de 1.100 € netos/mes por xornadas de 10-12 horas de traballo. O servizo do taxi alicérzase en milleiros de autónomos, moitos deles co máximo dun só empregado.