Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/02/2019 | Actualizada ás 11:37
Só os alcaldes de Vigo e Pontevedra, Abel Caballero (PSdeG) e Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), reciben un aprobado entre os rexedores das sete grandes cidades galegas, segundo unha enquisa realizada polo Instituto Sondaxe para 'La Voz de Galicia' recollida por Europa Press.
En concreto, Caballero obtén un 7,25 e Lores un 6,25. Os outros cinco primeiros edís suspenden: cun 4,79 Xulio Ferreiro (Marea Atlántica) na Coruña, cun 4,7 Jesús Vázquez (PP) en Ourense, cun 4,57 Martiño Noriega (Compostela Aberta) en Santiago, cun 4,43 Lara Méndez (PSOE) en Lugo e cun 3,69 Jorge Suárez (Ferrol en Común) en Ferrol.
Entre os candidatos da oposición, destaca a nota que os enquisados dan a Rubén Arroxo (Bloque) en Lugo, que cun 5,22 é o único que aproba deste lado, xunto ao socialista Xosé Sánchez Bugallo en Santiago (5,17).
Da oposición chama a atención tamén a puntuación que reciben tres dos candidatos de Ferrol, posto que superan á do alcalde: o exconselleiro popular José Manuel Rei, cun 4,57; Anxo Mato (PSdeG), cun 4,4; e o nacionalista Iván Rivas, cun 4,3.
VALORACIÓN DO GOBERNO
En canto á valoración dos gobernos municipais e a oposición nas cidades, de novo só Vigo (7,15) e Pontevedra (6,02) obteñen aprobados.
O seguinte goberno mellor valorado despois destes é o de Ourense (4,61), onde tamén se atopa a oposición mellor valorada (4,14). Ao da cidade das Burgas séguenlle os de Santiago (4,51) e A Coruña (4,43) e pechan a táboa Lugo (4,06) e Ferrol (3,27).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.