Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 18/02/2019 | Actualizada ás 15:28
A formación nacionalista Anova e o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro (Marea Atlántica), fixeron un chamamento este luns para reconducir a ruptura do espazo de confluencia galega que, a día de hoxe, parece abocada a presentarse por separado ás eleccións xerais do próximo 28 de abril debido ao enfrontamento entre a dirección do partido instrumental En Marea e o sector crítico, integrado pola propia Anova, Esquerda Unida, Podemos e as mareas de Santiago, A Coruña e Ferrol.
Tamén este luns —minutos despois das mensaxes lanzadas polo portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez, e o rexedor herculino—, o portavoz orgánico de En Marea, Luís Villares, aseguraba que a división en dúas candidaturas do espazo supoñería "un suicidio político", aínda que marcou o terreo ao resto de axentes: o partido instrumental "é o único espazo" para a unidade, pois permite a participación de persoas non afiliadas a organizacións e garantiría a posibilidade de configurar grupo propio no Congreso.
"Dúas candidaturas sería un suicidio político. Non só para esas dúas candidaturas, senón para as alcaldías do cambio", incidiu o maxistrado en excedencia, que asegura que En Marea non está rota a pesar de que Anova, EU e Podemos xa avanzasen nos últimos días a súa intención de repetir a coalición electoral de 2016 sen contar coa dirección do partido instrumental.
"Non comparto esa especulación de dúas listas", engadiu Villares, que di que dos comunicados de Anova, EU e Podemos (nos que ignoran a En Marea) "non se desprende" que vaian presentar unha candidatura alternativa á do partido instrumental.
"É evidente que se non imos xuntos haberá unha decepción (electoral). Non contemplo outro escenario que non sexa a unidade de todo o espazo político", incidiu Villares, para o que só existe un lugar onde se poida dar ese escenario de unidade: baixo o paraugas de En Marea como partido, non como coalición.
ANOVA DECIDIRÁ O SÁBADO
Dous días despois de que Anova apelase a iniciar un diálogo cos seus "aliados" para reforzar a unidade popular a través dun comunicado no que non menciona a En Marea, o seu portavoz nacional, Antón Sánchez, ofreceu declaracións aos medios nos corredores do Parlamento, onde emprazou ao próximo sábado como día no que a dirección da formación nacionalista decidirá a súa postura definitiva sobre a configuración de alianzas para o 28 de abril.
"Non hai que anticipar cuestións. Non está definida a fórmula de concorrencia electoral. A nosa aposta é lograr a maior amplitude posible no campo da esquerda", aseverou o tamén viceportavoz de En Marea na Cámara galega.
Antón Sánchez apelou a "retomar o fío condutor que fixo ilusionar a moita xente" co proceso de confluencia en candidaturas de unidade das forzas de esquerda iniciada coa creación da coalición electoral Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) para as autonómicas de 2012, o nacemento das mareas municipalistas en 2015 e a creación do partido instrumental En Marea no verán de 2016.
Precisamente a configuración de En Marea como partido instrumental e de adscrición individual foi promovida por Anova e as mareas municipalistas de Santiago, Ferrol e A Coruña. Esta configuración estivo a piques de provocar que Podemos Galicia se presentase en solitario ás eleccións autonómicas de 2016, xa que os inscritos da formación morada apostaran pola fórmula de coalición.
Finalmente, a intervención do líder de Podemos, Pablo Iglesias, reconduciu a situación no último momento e o partido morado integrouse na candidatura de En Marea, na que os seus membros coparon gran parte dos postos de saída.
Agora, Esquerda Unida e Podemos Galicia pretenden reeditar a fórmula de coalición coa que se presentaron, xunto con Anova, ás xerais de 2016. Ambas as formacións entenden En Marea como un modelo exclusivamente pensado para as autonómicas de 2016. Con todo, Podemos e EU trataron de facerse co control do partido instrumental nas súas últimas primarias, nas que, a través dun proceso convulso e crispado, Luís Villares renovou o seu liderado.
XULIO FERREIRO
Outra das referencias do espazo político, o rexedor herculino, Xulio Ferreiro (Marea Atlántica), tamén saíu este luns, a través dunha mensaxe publicada na súa conta de Facebook, en defensa de atopar puntos de encontro entre os bandos enfrontados para evitar a presentación de dúas listas o próximo 28 de abril. A publicación foi compartida polo seu homólogo santiagués, Martiño Noriega, que se posiciona, deste xeito, na liña marcada polo seu partido, Anova, e a marea herculina.
"Creo que debemos facer un último esforzo e impulsar unha alianza ampla na que todos e todas, chamémonos como nos chamemos, sexamos o que sexamos, atopemos un lugar desde o que remar na mesma dirección. Mareas municipalistas, partidos da confluencia e a propia En Marea, en pé de igualdade, deberiamos facer un exercicio de realismo e responsabilidade e construír unha nova coalición xenerosa e solidaria para disputarlle á dereita en Galicia as eleccións xerais do próximo 28 de abril. Debémosllo á xente", publicou o líder de Marea Atlántica.
Na súa mensaxe, Ferreiro sitúa ao mesmo nivel de importancia todos os "pasos adiante e pasos atrás" dados na construción da chamada unidade popular. "O espazo é tan debedor da creación de AGE como do 'Acordo de Mazarelos', ten tanto que ver coa Marea Atlántica e con outras candidaturas de liderado cidadán como a asemblea constituínte de En Marea en Vigo. Renunciar a un só deses episodios da nosa historia común é renunciar ao que somos e ao que conseguimos", incide o alcalde coruñés.
LUÍS VILLARES
Con todo, Luís Villares defende que a constitución de En Marea na súa asemblea fundacional de Vigo supuxo a creción da "maior ferramenta para consolidar o cambio en Galicia", polo que mostrou a súa preocupación porque exista "a tentación de que a única maneira de concorrencia era a coalición", un formato que, segundo o maxistrado lucense, limita os mecanismos de participación interna.
"Pareceunos un gran acerto a configuración de En Marea como se impulsou no 2016. Se hoxe en día poden participar as mareas municipais é que xa non hai coalicións", espetou Villares, que incidiu en que ao longo dos últimos días mantivo contactos cos líderes do resto de axentes do espazo político.
"Se agora fósemos como coalición, quen decidiría os candidatos?", preguntouse Villares, que lembrou que o "sistema de primarias" de En Marea —organización na que está permitida a "dobre militancia— abre a porta a que "calquera" se poida postular como candidato, desde persoas individuais a "partidos como Podemos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.