Feijóo advirte a Vulcano que xa lle deu dúas "oportunidades" e non pode "seguir comprometendo" entregas en prazo

Contrapón a súa situación á doutros estaleiros, que "son competitivos, gañan diñeiro e crean emprego"

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 19/02/2019 | Actualizada ás 15:25

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou este martes o apoio que o seu Goberno prestou ao estaleiro vigués Vulcano, ao que deu dúas "oportunidades", pero advertiu de que a administración "non pode seguir comprometendo entregas en prazo", en alusión ao ferri que ten por finalizar a empresa.

Alberto Núñez Feijóo co comité organizador de Navalia. PAULA XUSTO-EUROPA PRESS
Alberto Núñez Feijóo co comité organizador de Navalia. PAULA XUSTO-EUROPA PRESS | Fonte: Europa Press

O presidente galego recalcou que, con respecto a Vulcano, a Xunta fixo "o seu traballo" e avalou ao estaleiro "en dous momentos". Así, sinalou que, a principio desta lexislatura, lle deu ao centenario estaleiro "unha grande oportunidade para rexurdir" e, posteriormente, outra oportunidade "falando con Pymar, coas entidades financeiras, incluído o ICO para que entregase este barco en tempo e prazo".

"Pero xa, desde as administracións públicas, non podemos seguir comprometendo en canto á entrega dos barcos en prazo. Ningunha administración pública pode entrar nun estaleiro e comprometer", proclamou Núñez Feijóo.

O titular do Executivo galego, que expresou o seu desexo de que Vulcano "poida seguir" a súa actividade, precisou, no entanto, que a Xunta fixo con esta empresa "os maiores esforzos, máis que con calquera outro estaleiro".

En contraposición co "momento de enorme dificultade" de Vulcano, o presidente do Goberno galego quixo pór de manifesto que "se tome nota de que hai estaleiros en Vigo que son competitivos, que gañan diñeiro, que crean emprego, amplían persoais, que cumpren os contratos en prazo, e que os cumpren en prezo".

A ese respecto, Núñez Feijóo subliñou que o naval galego viviu, en 2018, o mellor ano da década, coa firma de 15 novos pedidos e 27 contratos en vigor, o que reflicte a metade de toda a actividade de construción naval a nivel nacional.

En concreto, referiuse ao estaleiro vigués Barreiras, que está a construír un minicruceiro de luxo para Rizt-Carlton, e expresou a súa esperanza de que "haxa boas novas en próximas semanas" e se concreten novos contratos con esta armadora.

Feijóo apostou así pola diversificación e a entrada dos estaleiros galegos no mercado dos cruceiros de luxo, que crece "ano a ano", e que supón unha oportunidade para o centenar de empresas do sector contract (equipamentos e interiorismo) galego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta