Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/03/2019 | Actualizada ás 12:41
O Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), a través do grupo "Biotecnología de Especies Leñosas" do Instituto de Investigaciones Agrobiológicas de Galicia, conseguiu clonar, tras 12 meses de ensaios e traballo nos seus laboratorios en Santiago de Compostela, a amendoeira "Gladiador", unha árbore singular de 300 anos.
Este avance científico enmárcase nun contrato de apoio tecnolóxico subscrito entre o CSIC e a Fundación Internacional para a Restauración de Ecosistemas, que desenvolve a súa actividade no terceiro sector ambiental no ámbito da restauración e conservación de ecosistemas.
En 2017 as científicas do CSIC Concepción Sánchez Fernández e Neves Vidal González iniciaron, no marco deste contrato, os labores para a instalación in vitro de material da árbore adulta "Gladiador", duns 300 anos e situado en Membrilla (Valdepeñas, Ciudad Real).
Na actualidade o grupo de investigación dispón de 150 plantas clonadas a partir da árbore nai que están xa aclimatadas para ser transferidas á Fundación Internacional para a Restauración de Ecosistemas, cuxo fin é distribuílas na zona de orixe.
Por outra banda, no Instituto de Investigacións Agrobiológicas de Galicia manteranse in vitro as diferentes liñas establecidas para futuras análises e para a súa conservación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.