Temas: 8M MULLER CGAI CINEMA

O CGAI proxectará 8 películas de realizadoras galegas e portuguesas no Día da Muller

Afundación presenta ademais o ciclo de cinema 'Abrandares', formado por películas nas que as mulleres son protagonistas, descubrindo "historias comprometidas que dan lugar á reflexión"

Por E.P. | A CORUÑA | 05/03/2019 | Actualizada ás 18:33

Comparte esta noticia

O Centro Galego de Artes dá Imaxe (CGAI) ofrece esta semana o seu tradicional ciclo 'Olladas de Muller', organizado cada ano en colaboración co Consello da Cultura Galega para conmemorar o Día da Muller. Entre o 6 e o 9 de marzo, a sede coruñesa desta entidade proxectará oito películas dirixidas por realizadoras galegas e portuguesas para dar conta das últimas tendencias do cinema que se está facendo na zona.

A cita arrincará este mércores, ás 18,00 horas, con 'Arte+muller+Galicia', unha proposta da experimentada comisaria de arte Rosario Sarmiento sobre a historia recente deste medio en Galicia, contada polas voces das mulleres que marcaron a creación contemporánea nas últimas décadas.

Elas son tamén as protagonistas no segundo filme da xornada inaugural do ciclo, que se proxecta ás 20,30 horas. 'Tódalas mulleres que coñezo', de Xiana do Teixeiro, recolle a conversación dun grupo de amigas na trintena ao redor das súas experiencias coa violencia machista, entendida nun sentido amplo, como aquela que pode exercerse con comentarios ou miradas.

A maiores, neste ciclo tamén poderán verse 'Trinta lumes', de Diana Toucedo, o xoves 7, ás 18,00 horas e ás 20,30 horas; e 'Correspondencias', da realizadora lisboeta Rita Azevedo Gomes, o venres 8, ás 19,30 horas. 'A meniña azul', título co que Sandra Sánchez acaba de conseguir o Premio Mestre Mateo do audiovisual galego á mellor curtametraxe, pechará o ciclo 'Olladas de muller' o sábado 9, nunha sesión que dará comezo ás 18,00 horas e que incluirá outro tres cintas: 'Sombra luminosa', dos portugueses Mariana Calou e Francisco Queimadela; 'Un ollo de vidro', de Noela Gutiérrez, e 'Un país estraño', de Laura Pousa.

'MULLERES' EN SANTIAGO

Por outra banda, Afundación presenta, no marco da conmemoración do Día da Muller, o ciclo de cinema 'Abrandares', formado por películas nas que as mulleres son protagonistas, descubrindo "historias comprometidas que dan lugar á reflexión", segundo informou a entidade nun comunicado. En concreto, a sede compostelá de Afundación acollerá este mércores, ás 20,00 horas, a primeira destas películas, 'A Libraría', de Isabel Coixet.

Sala de cinema
Sala de cinema

Temas: 8M MULLER CGAI CINEMA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta