Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/03/2019 | Actualizada ás 16:02
O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, presentou este sábado o primeiro tramo da súa lista para concorrer ás eleccións municipais con Ferrol en Común, marcada pola renovación na metade dos 12 primeiros nomes e liderada por Esquerda Unida e Anova, sen ningún integrante de Podemos.
Na presentación, Jorge Suárez, cualificou a xornada de "ilusionante" tras catro anos "dun goberno difícil", que "logrou sobrevivir grazas ao traballo dos concelleiros" e a "unha organización plural e xenerosa", nunha corporación na que conta con 5 concelleiros, máis 2 non adscritos que foran elixidos co PSOE, dun total de 25.
Trátase dunha lista con 12 nomes, presentada no Ateneo Ferrolán, coa que Jorge Suárez se presentará ás eleccións primarias de Ferrol en Común, ás que non opta ningún outro candidato. Entre as novidades, destaca a ausencia do actual portavoz de Ferrol en Común, Álvaro Montes, vinculado a Anova, e a irrupción no número dous de Xiana López Penedo (Anova), unha compostelá "que leva cinco anos traballando en Ferrol, no ámbito da saúde mental".
O tres ocúpao o seu actual concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea, seguido da tamén edil Saínza Ruiz, concelleira de Benestar Social, ambos de EU. No número cinco, Jorge Suárez recupera a Rafael Rodríguez, profesor, coñecido por ser presidente de Alcer e que xa foi concelleiro co BNG nunha lexislatura anterior, e sobe ao seis a Malay Sobrín, profesora no CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro, vinculada a Ferrol en Común.
Ata o número doce, conxúganse renovación e historia, de modo que se incorporan persoas moi vinculadas ao tecido asociativo e sindical, como Miguel Rodríguez Paz, aparellador e moi coñecido por estar á fronte da asociación BOTO Catabois, e Víctor Ledo (posto nove) traballador do naval e responsable de Industria en CC.OO. Galicia.
No oito incorpora a Esther Estévez, profesora no colexio de Recimil, "unha das persoas que con tan só chamala xa dixo que si, tendo xa experiencia en listas anteriores"; e a Irene Fernández, no 10, "a voz dos cidadáns, a que sabe o que todos necesitan". Manolo Castro, que xa formou parte da lista de 2015 irá de 11 e a histórica concelleira de Esquerda Unida, Sari Alabau, no 12.
É "a mellor lista que se pode presentar a día de hoxe en Ferrol", dixo, á vez que agradeceu a "implicación e o paso adiante" no que se dá "o mellor de cada un para mellorar a vida da cidade de Ferrol".
AVAIS
Jorge Suárez trasladou que tivo que presentar un total de 20 avais para poder configurar esta lista. Destacou algúns dos que o apoiaron, como o actual portavoz de Ferrol en Común, Álvaro Montes, que pasa agora a un segundo plano; "o histórico" Fernando Miramontes; ou a actual concelleira de Urbanismo, a non adscrita María Fernández Lemos, que en 2015 se presentou co PSOE e que tras a ruptura do pacto de goberno cos socialistas continuou formado parte do grupo liderado por Suárez.
En canto á ausencia de representantes de Podemos, que en 2015 si ocuparan postos do primeiro tramo da lista, Suárez alegou que a formación de Pablo Iglesias "ten intención de colaborar neste proxecto pero sen solicitar a integración entre os doce primeiros lugares".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.