Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2019 | Actualizada ás 18:21
A casa da concelleira do BNG en Pontevedra e candidata ao Congreso por esta provincia, Carme Da Silva, apareceu con pintadas co seu nome sobre unha diana. O Bloque Nacionalista Galego, a través das súas redes sociais, condenou os feitos.
"A mafia nunca dorme. No BNG tampouco; seguiremos traballando arreo por Pontevedra, porque o mellor aínda está por vir, e tamén seguiremos traballando para que a nosa compañeira #CarmeDaSilva sexa deputada no Congreso para ter voz propia. Carme, todo o apoio e toda a forza!", publica a formación na rede social twitter.
Tamén o rexedor da localidade, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, criticou a acción a través das redes sociais, nun tweet no que manifestou todo o seu "apoio" a Da Silva. A pesar da pintada, asegura que van continuar " defendendo os intereses de Pontevedra por encima de todo".
Pola súa banda, o candidato do PP á alcaldía, Rafa Domínguez, tamén realizou unha publicación en twitter sobre a pintada, aínda que neste caso suma tamén as súas críticas á xestión nacionalista en Pontevedra. "A falta de diálogo do BNG de Lores e a súa soberbia despois de 20 anos no poder non xustifican isto. En democracia hai votos, non dianas. Iso é algo que por desgraza tivemos que lembrar durante anos en @populares", escribe en Twitter Rafa Domínguez.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.