Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/03/2019 | Actualizada ás 13:01
O Día Mundial dos Bosques, celebrado a semana pasada, viviuse en Galicia dun xeito diferente este ano. A rede a prol do bosque galego, Cousas de Raíces, puxo en marcha a 'I Deseucaliptización simultánea', unha iniciativa que se estendeu por toda a comunidade durante os pasados 21 e 23 de marzo co obxectivo de librar os nosos montes de especies invasoras. Como resultado, máis de 205.000 exemplares de eucaliptos e acacias foron eliminados, entre gromos de cepa, plántulas e unidades de maior envergadura.
No proxecto participaron máis de 360 persoas voluntarias, que "peneiraron preto de 145.000 metros cadrados (14,5 Ha) de monte". A falta de confirmarse algúns datos ofrecidos polas entidades participantes, a cifra de pés vexetais eliminados ascende ata os 206.892. Deles, a especie sobre a que máis interviron foi o Eucalypttus globulus, seguido doutras como a acacia negra, a mimosa ou a herba da pampa (Cortaderia selloana). Tamén se eliminaron algúns pés de Pinus radiata.
A valoración que fai Cousa de Raíces acerca destes resultados non é outra ca calificalos de "impresionantes" e "exitosos". "Confirman que gran parte da sociedade galega aposta e púa por outro modelo forestal en Galicia, no que se primen as especies autóctonas e se eliminen aqueloutras que crean un agravio ambiental, cultural e paisaxístico", opinan.
Asemade, aseguran sentrise con "folgos" para seguir celebrando outras xornadas deseucaliptizadoras ao longo do ano. "As accións colectivas de voluntariado, por puntuais ou pequenas que sexan, poden exercer unha grande influencia", sosteñen, polo que seguirán apelando ás administracións públicas, "nomeadamente á Xunta", para que apoien o bosque galego "con feitos, non só con palabras", fronte á expansión de especies foráneas.
OS PARTICIPANTES
En total, entre os días 21 e 23 de marzo desenvolvéronse once actuacións de deseucaliptización promovidas por unha vintena de colectivos de carácter ecoloxista, cultural e veciñal. Precisamente as comunidades veciñais de montes en man común tiveron un peso importante.
O seguimento deste proxecto deixou pegada na meirande parte da xeografía galega máis occidental, dende os montes de Froxán (Lousame - A Coruña) ata Agolada (Pontevedra), pasando por Vigo, Pontecaldelas ou Cerdedo-Cotobade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.