Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/04/2019 | Actualizada ás 18:02
O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, manifestou que respecta as palabras do portavoz de En Marea, Luís Villares, nas que deslizou que Ferrol en Común fora "incoherente" co seu programa político. "Non son (En Marea), como sempre dixen, os meus adversarios políticos e sigo mantendo o mesmo aprecio persoal por Luís Villares", aseverou o rexedor da cidade naval.
Súarez fixo estas declaracións este mércores despois de ser preguntado polas palabras de Villares o pasado sábado, cando, durante a presentación de Marea de Ferrol, xustificou o respaldo do partido instrumental a este proxecto municipalista pola súa "coherencia" en contraposición a Ferrol en Común, quen, segundo o maxistrado, foron "incoherentes" no último mandato. "Teño claro a quen teño que derrotar nas próximas eleccións e desde logo que Marea de Ferrol non é un obxectivo a bater, senón que o son as políticas destrutivas da dereita que nos ameazan", remarcou Suárez.
INICIO DA CAMPAÑA
Por outra banda, o rexedor ferrolán tamén se referiu a a intención do líder de Podemos, Pablo Iglesias, de iniciar a campaña electoral para as xerais do 28 de abril cunha visita aos estaleiros de Navantia na cidade naval, segundo confirmaron fontes da coalición En Común-Unidas Podemos, na que participa o partido morado.
"É importantísimo que se visibilice que o noso país está a sufrir un desmantelamento do tecido industrial, que hai unha boa perspectiva a curto e medio prazo para solucionar o problema do paro coa construción das fragatas F-110", apuntou Suárez. Con todo, engadiu que Galicia conta con "un futuro negro" para o seu sector industrial mentres non se solucionen "problemas como os de Alcoa ou na industria auxiliar naval". Por tanto, valorou a posibilidade de que Iglesias acuda a Ferrol no arranque da campaña para "que se visibilice" as necesidades "do polo industrial do noroeste de Galicia". "Esta aposta de Unidas Podemos por vir aquí desde logo que é ben recibida por nós", apostilou.
BEATRIZ SESTAYO
Respecto ao nomeamento da socialista Beatriz Sestayo como xerente da sociedade pública Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), o rexedor de Ferrol asegurou que "é un asunto persoal, do PSOE". Así as cousas, desexou á súa exsocia de goberno "boa sorte no seu novo camiño" e remarcou que FeC continúa "traballando pola cidade". "Non fago máis que unha valoración neutral, xa que o percorrido ao longo deste últimos catro anos é coñecido por todos. Non nos leva a ningún lado facer análise e contra análise do acontecido. Desexarlle sorte, simplemente", sentenciou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.