Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/04/2019 | Actualizada ás 18:15
Os distintivos de VTC serán obrigatorios desde o 22 de maio en Galicia, polo que os titulares dos vehículos xa poden solicitalos. Diso informou este mércores a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, quen explica que este distintivo "facilitará os labores de control e vixilancia para garantir que se cumpra a lei".
A titular deste departamento lembrou que a normativa estatal non esixe ningún distintivo externo aos VTC, polo que estes "poden confundirse facilmente con vehículos de empresa empregados para o traslado do seu persoal". Con todo, na Comunidade si que existirá esta obrigación.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, acompañada polo director xeral de Mobilidade, Ignacio Mestre, comprometeuse cos traballadores do sector do taxi a realizar un seguimento sobre a inscrición de vehículos de turismo con condutor (VTC) que están autorizados en Galicia no rexistro total que comezou a funcionar o pasado 1 de abril.
"COMPETENCIA LEAL"
A Xunta, a través dun comunicado, sinalou que, durante unha reunión mantida cos representantes da Federación de Autonómos do Taxi de Galicia (Fegataxi), a conselleira asegurou que o Goberno galego velará pola "competencia leal e a convivencia harmónica" entre o sector do taxi e os VTC.
Así mesmo, o Executivo aclarou tamén que este rexistro obrigatorio ten por finalidade "facilitar o traballo" dos órganos de control competentes "en relación coas obrigacións de contratación previa ao comezo dos servizos". Ademais, os VTC deberán realizar o 80% dos mesmos na Comunidade Autónoma na que estea domiciliada a autorización. Por último, Vázquez subliñou a importancia de que o executivo central estableza un marco regulador claro e igualitario no conxunto do España para evitar situacións de competencia desleal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.