Por Galicia Confidencial | Pazos de Borbén | 12/05/2019 | Actualizada ás 22:00
A Agrupación de Electores de Pazos de Borbén denuncia diversas irregularidades no censo electoral deste concello, todas elas relacionadas co entorno do Partido Popular. O caso máis chamativo sería o de varios xogadores de fútbol sala empadroados na residencia da terceira idade “Mi Casa” da parroquia de Amoedo.
“Curiosamente, a empresa propietaria deste centro da terceira idade é a mesma que presta o servizo de axuda no fogar municipal” sinala o voceiro de Alternativa Veciñal Luciano Otero. Por iso, denuncia que neste centro da terceira idade constan empadroadas, ademais de numerosas persoas maiores, varias persoas mozas, “case todas elas vinculadas ao mundo do fútbol sala e ao concelleiro de deportes e adestrador Francisco Amoedo Lorenzo”, así como tamén “cando menos dúas persoas contratadas polo concello, no servizo de prensa e nun contrato temporal dun posto de administración”.
11 CENSADOS NUNHA CASA
Alternativa Veciñal tamén apunta outros casos rechamantes. Así, apunta que na casa do actual tenente de alcalde, que segundo o catastro consta de 95 m cadrados de vivenda, figuran residindo 11 persoas. Tamén o arquitecto técnico municipal, que non reside no concello, figuraría empadroado nun restaurante da zona.
Trátase, segundo o voceiro de Alternativa, “de alteracións fraudulentas do censo co ánimo de influír no resultado electoral”. Cualifica estas actuacións de carentes de toda ética e impropias de cargos públicos e seguramente debidas a que “o PP ten nestes momentos auténtico pánico a perder o goberno”.
“Non todo vale, e persoas que con tal de obter un beneficio para si mesmas son capaces de todo, non son de fiar para xestionar un concello”, critica Otero. Alternativa Veciñal sinala que non deixará correr estes feitos e que presentará denuncia diante das autoridades competentes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.