Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/05/2019 | Actualizada ás 00:05
O candidato do PP en Ferrol, José Manuel Rey Varela, co 96% dos votos escrutados, converterase con toda probabilidade no alcalde ferrolán para os vindeiros catro anos. Logo que en 2015 Ferrol en Común e o seu candidato, Jorge Suárez, asumisen o mando municipal, quizais a victoria dos populares teña un aquel de satisfacción morbosa. En total, Varela ten 12 edís cos que, mediante pactos puntuais ou coalicións pode gobernar con relativa tranquilidade.
Pola súa banda, o derrotado Jorge Suárez, acusou primeiramente a ruptura de coalición co PSOE liderado daquela por Beatriz Sestayo. Logo, as diferenzas internas dentro da formación política que representaba e que acabou por dar tres candidaturas para un mesmo espectro político. A candidatura do cambio ferrolán acusa unha baixada que a deixa na metade de representantes. Finalmente, o goberno en minoría de Suárez tivo que facer equilibrios sobre todo cos orzamentos e as cuestións relativas ao traballo nos estaleiros de Ferrol. Nin a aprobación das fragatas F110 puideron salvalo.
O PSOE en cambio, recupera tres concelleiros, pasando de cinco a oito, logo dunha pugna pola candidatura para as municipais. Finalmente Ángel Mato puido levar adiante o seu proxecto interno para o PSOE ferrolán, substituindo así a Beatriz Sestayo, quen tamén acusaba certo desgaste da súa figura.
BNG mantense nos seus dous concelleiros, case invariable. A sorpresa quizais sexan Ciudadanos, que non consegue entrar no consistorio, unha posible deriva de votos cara o PP podería estar detrás deste resultado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.