Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/06/2019 | Actualizada ás 19:41
Un total de 16.409 pacientes beneficiáronse ao longo do ano pasado das vías rápidas para a atención de distintos procesos oncolóxicos, segundo explicou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña no transcurso da inauguración do XX Congreso da Sociedade Española de Oncoloxía e Radioterapia.
Almuiña explicou que a atención aos pacientes oncolóxicos constitúe unha liña de acción fundamental no Servizo Galego de Saúde e lembrou que o seu departamento implantou sete vías para a atención de distintos procesos oncolóxicos (mama, colon, próstata, pulmón, vejiga, cabeza e pescozo e melanoma).
Ademais, subliñou que, desde xaneiro de 2018, coa publicación do Decreto de Garantías de Tempos Máximos, o Sergas establece o compromiso individual cos pacientes afectados de determinadas patoloxías (a maioría oncolóxicas) dun tempo máximo para a primeira consulta ou proba diagnóstica de 45 días, e de menos de 60 días para unha intervención cirúrxica.
O titular da carteira sanitaria galega resaltou a importancia dos programas postos en marcha polo Sergas para a prevención e o diagnóstico precoz, destacando os "bos resultados" e a "gran aceptación" dos programas de cribado de mama ou de colon. Vázquez Almuiña tamén puxo de manifesto o esforzo de Sanidade en matener o nivel tecnolóxico no campo da radioterapia e, neste ámbito, agradeceu a contribución do mecenado da Fundación Amancio Ortega.
AUSENCIA DE INVESTIDORES
"Que hai despois de Amancio Ortega?", esta é a pregunta que se fixo o presidente da Sociedade Española de Oncoloxía Radioterápica (SEOR), Carlos Ferrer, na inauguración oficial do congreso.
Así, Ferrer cuestionou o futuro da innovación tecnolóxica despois do millonario desembolso realizado pola Fundación Amancio Ortega para renovar os equipos de radioterapia en España, tendo en conta "a ausencia de investimentos destinados á adquisición de equipos de radioterapia". A obsolescencia e a innovación tecnolóxica é un dos eixos de debate do XX Congreso de Seor.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.