Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/06/2019 | Actualizada ás 18:27
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou ao líder do PPdeG e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a apartar a Manuel Baltar da Deputación de Ourense e lanzou unha oferta ás restantes formacións políticas para configurar un "pacto pola rexeneración" na provincia.
Así se pronunciou despois de que Feijóo propuxese o xoves que o PP facilite ao Partido Socialista o goberno do Concello de Ourense se os socialistas deixan gobernar ao presidente popular en funcións, Manuel Baltar, na Deputación provincial.
"Recoñézolle ao presidente da Xunta que entenda que na cidade de Ourense houbo unha maioría que apostou polo Partido Socialista e que o PP picou nestas eleccións municipais, por certo, a única cidade na que gobernou durante o últimos catro anos", asegurou respecto diso.
Así mesmo, nun acto celebrado en Ferrol e onde estivo acompañado polo candidato do PSOE á Alcaldía, Ángel Mato, Caballero convidou "todas as forzas" --en referencia a Ciudadnos, ao BNG e a DO-- a que se somen a este pacto pola rexeneración.
Ademais, Gonzalo Caballero estendeu a petición de apartar a Baltar da Deputación a "todo o PP de Galicia". "Que se somen ao pacto pola rexeneración política que queremos na provincia de Ourense e a pasar páxina e deixar o mandato dos Baltar --en alusión ao pai e fillo-- na historia de Galicia", indicou.
O secretario xeral do PSdeG desprazouse este venres a Ferrol para participar nun acto con Anxo Mato, quen iniciará nos próximos días as negociacións con Ferrol en Común e BNG para tratar de conformar un goberno municipal.
DEPUTACIÓN DE LUGO
Por outra banda, preguntado polas declaracións nas que este venres o presidente en funcións da Deputación de Lugo, Darío Campos, asegurou que Gonzalo Caballero non lle collía o teléfono, o secretario xeral do PSdeG asegurou que el "fala con todo o mundo".
"Eu falo con todo o mundo na organización, con todos os compañeiros que me chaman, é certo que ás veces teño trinta chamadas perdidas, pero ao presidente da Deputación de Lugo trasladeille a fin de semana con claridade que cando queira falar farémolo sen ningún problema", manifestou.
Ademais, considerou "necesario" que "todo o mundo traballe moito". "Que estean todos moi tranquilos, que estamos a enfocar todo moi ben e que o PSOE ten un mecanismo claro para perfilar todo o futuro en cada un dos procesos e que este país teña gobernos de progreso en cada unha das estruturas de Galicia", apuntou.
Por último, subliñou que na Deputación de Lugo "hai unha maioría clara de progreso". "E está claro que o Partido Socialista vai liderar, cando corresponda, os plenos da maioría progresista, do mesmo xeito que imos facer en Coruña e Pontevedra".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.