Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/06/2019 | Actualizada ás 17:26
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, mantivo este martes varias reunións en Italia co obxectivo de planificar accións conxuntas nos ámbitos cultural e artístico de cara ao Xacobeo 21.
Así, reuniuse co embaixador de España, Alfonso Dastis e co director do Instituto Cervantes, Juan Carlos Reche, dentro dos contactos para sentar as bases que permitan que Galicia impulse unha ampla axenda en Roma dentro da programación do Ano Santo.
Con esta nova vía de colaboración fortaleceranse as relacións no Camiño de Santiago e no turismo cultural e relixioso, favorecerase o intercambio artístico entre ambos os territorios e difundirase a cultura galega nun dos principais destinos europeos.
A axenda institucional mantida por Román Rodríguez na capital italiana incluíu un encontro co responsable de Turespaña neste país, Jorge Rubio, co que profundou na posibilidade de abordar iniciativas conxuntas no sector turístico. Estas novas accións buscan afianzar o eixo Santiago-Roma-Xerusalén como cidades santas e Patrimonio da Unesco.
Segundo a Organización Mundial do Turismo, o turismo relixioso move máis de 300 millóns de persoas cada ano no mundo. A capital galega, como meta da Ruta Xacobea, recibe cada ano a máis de 300.000 peregrinos, aos que se engaden multitude de visitantes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.