Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/06/2019 | Actualizada ás 20:12
A oposición do Parlamento de Galicia (formada por En Marea, PSdeG-PSOE e BNG) pediu á Xunta no pleno deste martes que negocie con Abanca para atopar unha solución para a empresa Isowat, xa que a compañía financeira é o máximo acredor da firma de enxeñaría.
Foi a través dunha proposición non de lei impulsada polo deputado de En Marea Francisco Casal, que sinalou que o Goberno galego "pode e debe" salvar Isowat, que se atopa en concurso de acredores.
"Galicia non pode permitirse outro peche industrial", lamentou Casal, quen asegurou que Isowat é unha "empresa fundamental" e ten "contratos na porta". "O Goberno non pode dicir que non pode negociar cunha entidade financeira", criticou, tras explicar a existencia dun comprador interesado na compañía.
O deputado do BNG Xosé Luís Rivas lamentou que a industria galega "estea a ser desmantelada impunemente", polo que esixiu á Xunta que "tome cartas no asunto" e que, do mesmo xeito que fixo o Goberno autonómico de Castela e León coa empresa Made, chegue tamén a un acordo co banco.
Pola súa banda, a deputada do PP Marta Nóvoa apostilou que a Xunta traballa desde o inicio do conflito con "intensidade e firmeza" para atopar unha solución, "pero as ofertas recibidas non foron suficientes", xa que para o PP, a solución ten que incluír o mantemento dos empregos.
Así, destacou que este luns se deu a coñecer un potencial comprador, que se trata unha compañía do sector industrial español. "Esperemos que se materialice a compra para así manter case 70 postos de traballo", subliñou Nóvoa, tras pedir á oposición "responsabilidade" para todos os empregos que hai en Galicia e non só o industrial.
Tamén culpou o PSOE e o Goberno de Pedro Sánchez da situación que está a pasar Alcoa. "O BNG e En Marea son cómplices do despropósito da industria galega, por iso non son fiables. Uns continúan pedindo cadeiras de brazos e os nacionalistas van gobernar co PSOE en municipios onde poidan desbancar ao PP", sentenciou.
Para o deputado socialista Abel Fermín Losada, Abanca "ten que estar á altura" e o presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo, "é o que ten que negociar".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.