Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/06/2019 | Actualizada ás 19:26
O salón de recepcións do Concello de Ferrol acolleu este mércores un acto institucional que serviu para despedir o presente mandato e que contou cos 25 concelleiros que finalizaron esta lexislatura. O alcalde en funcións, Jorge Suárez (Ferrol en Común), asegurou sentir "moita satisfacción por ter o orgullo de representar a cidade de Ferrol durante catro anos".
"A nivel persoal e sobre os compañeiros de corporación durante este tempo non teño que dicir ningunha palabra mala deles", asegurou. Aínda que dixo que foi un mandato "duro, difícil e convulso", valora que "a sensación é positiva polos logros alcanzados, abríndose un novo ciclo".
Recoñece que foi "un goberno moi mellorable, como calquera goberno, xa que nunca se chega ao 100% da satisfacción". "Pero agora pechamos este libro e iniciamos a segunda parte da saga Suárez", agrega.
Este acto serviu para que se despidan varios edís que non seguirá na nova lexislatura. É o caso dos populares Fernanda Losada, Susana Martínez, Verónica Casal e José Pedrouzo; o socialista Bruno Díaz; así como Saínza Ruíz, Luís Vitoria e Álvaro Montes, de Ferrol en Común; Ana Rodríguez Masafret, de Ciudadanos; e as non adscritas Esther Leira, Rosa Méndez e María Fernández Lemos.
NOVO MANDATO
Sobre que espera do novo mandato, Suárez respondeu: "Agardo que demos unha resposta acorde ao que nos demandou a cidadanía, cunha vitoria da esquerda non moi folgada, pero si suficiente para ter a maioría dun novo mandato".
Respecto das negociacións co PSOE de Ángel Mato para a creación dun goberno de coalición, Suárez deixou claro que el non é "o encargado de levar adiante estas negociacións", que continuarán nos próximos días, "xa que é un traballo constante, sobre todo para chegar a puntos de acordo no programático". "Temos que ter claro que isto é un proxecto non dun mes, senón de catro anos, e naqueles puntos nos que non esteamos de acordo, haberá que tratar de non facer tanto ruído e alboroto como noutras ocasións", reflexiona.
Suárez compromete o "traballo, xenerosidade e lealdade" do tres edís de Ferrol en Común, mentres espera que o mandato transcorra con "normalidade". "Este mes vai existir moita incerteza pola discreción que nos vemos obrigados a manter, pero estou seguro que o final do conto vai ser feliz", manifestou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.