Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/06/2019 | Actualizada ás 13:57
Os traballadores da empresa Poligal, de filme de plásticos situada en Narón (A Coruña), volvéronse a concentrar na mañá deste mércores ante o edificio administrativo da Xunta en Ferrol, situado na praza de España, para demandar "algún tipo de solución", tal e como apuntou Rafael Souto (UXT), presidente do comité de empresa.
O representante sindical lembrou que o pasado luns, día 17, tras concentrarse na zona do Concello de Ferrol, están á espera de recibir a chamada do alcalde, Ángel Mato (PSOE), "tal e como se comprometeu". Entre tanto, tamén confían no compromiso da alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, de porse en contacto con Mato "para trasladarlles ao resto de alcaldes da mancomunidade o problema".
O representante da UXT tamén se puxo en contacto nas últimas horas co administrador concursal, "por se tiña algunha novidade con respecto a posibles investidores para a planta, pero tras falar co Igape asegura que tampouco lle deron ningún nome."
PAGO DE PARTE DA NÓMINA
A preguntas dos medios de comunicación, Rafael Souto trasladou que de momento "os ánimos están ben e á expectativa", aínda que recoñeceu que están a espera de que lles paguen parte da última nómina de maio a finais desta semana ou principios da próxima, "ademais da liquidación, para o que se está sacando material da nave, para facer fronte a estas cantidades".
A próxima acción de protesta que teñen previsto realizar os algo máis dun centenar de traballadores de Poligal é unha manifestación que partirá o venres, 21 de xuño, ás 19,30 horas, da glorieta de González-Llanos, na avenida de Esteiro, e tras percorrer varias rúas e avenidas, finalizará na praza de España, ante o edificio da Xunta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.