Coñece os grandes fenómenos astronómicos de Galicia este verán

Unha eclipse de Lúa e a famosa chuvia das Perseidas serán os acontecementos máis destacables. Pero tamén haberá unha eclipse solar.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/06/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Galicia poderá desfrutar este verán de distintos eventos astronómicos, desde eclipses lunares e solares ata choivas de estrelas. O fenómeno máis destacado terá lugar o vindeiro 16 de xullo e será unha eclipse parcial de lúa. O seu comezo coincidirá coa saída da lúa en Galicia, arredor das 22.00 horas, e estendéndose ata as 01.00 horas do día 17.  Tamén está prevista unha eclipse total de Sol, o día 2 do vindeiro mes, pero non será visible en Europa senón en América do Sur e no Pacífico.

Eclipse lunar
Eclipse lunar

Ademais, e como todos os anos, destacan as Perseidas, que coinciden puntualmente coa festividade de San Lourenzo. Con todo, este ano, coa lúa preto da fase chea, “as condición non van ser moi favorables especialmente na noite do 12 ao 13 de agosto cando se prevé o máximo da actividade desta choiva de estrelas. Tamén, durante o verán, poderá verse unha aliñación  Xúpiter- Lúa- Saturno os días 12 ao 16 de xullo, entre o 9 e o 13 de agosto e do 5 ao 8 de setembro.

O director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, José Ángel Docobo, destaca que os planetas Xúpiter e Saturno, “as xoias da coroa” do sistema solar, estarán presentes todas as noites no ceo nocturno. Pola contra, Venus estará no amencer ata mediados de agosto e logo pasará a verse logo do solpor.

MARTE, Á VISTA

Mercurio, en troques, alternará as súas aparicións “dende a noitiña (ata comezos de xullo), aos amenceres de xullo e agosto, para volver en setembro a ser visible logo do solpor”. Tamén, segundo apunta Docobo, o planeta Marte poderá ser observado a primeiras horas da noite en xuño e xullo e logo en agosto e setembro no albor.

Como vén sucedendo dende hai máis dunha década, persoal do Observatorio da USC colaborará no desenvolvemento do programa Visitas Astronómicas coa Cidade da Cultura de Galicia. Para poder participar nesta última actividade é preciso inscribirse previamente. Ademais, o Observatorio Ramón María Aller da USC ten previsto realizar sesións de observación astronómica en distintos concellos galegos do mesmo xeito que nos últimos anos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta