Conta atrás para os antibióticos tal e como os coñecemos: a resistencia bacteriana ameaza a medicina moderna

Galicia Confidencial fala co investigador Ignacio Insua López, líder do proxecto REPLICATE para o desenvolvemento de antibióticos que poidan escapar á resistencia bacteriana, que nos dá conta dunha problemática que cada ano se cobra 1,3 millóns de vítimas a nivel mundial.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 14/03/2025 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

Os antibióticos foron unha das maiores revolucións da medicina moderna, salvando millóns de vidas dende o seu descubrimento, en 1928, cando Alexander Fleming deu nome á penicilina. Sen embargo, o seu uso excesivo e, en moitos casos, indebido, xerou a aparición dun problema global cada vez máis preocupante: a resistencia aos antibióticos. Bacterias que antes eran facilmente tratables desenvolveron mecanismos de defensa para evadir estes fármacos, poñendo en xaque a eficacia de tratamentos esenciais e aumentando o risco de infeccións incontrolables e, en consecuencia, de morte. Pero o problema non se limita unicamente ao ámbito clínico. Un factor clave na propagación de bacterias resistentes é o emprego de antibióticos na gandaría. Durante décadas, estes fármacos foron empregados non só para tratar enfermidades en animais de granxa, senón tamén como promotores de crecemento e como medida preventiva en explotacións intensivas. Isto tamén favoreceu a aparición de bacterias resistentes que poden transmitirse aos seres humanos a través do consumo de alimentos, o contacto con animais ou a contaminación ambiental.

Resistencia bacteriana aos antibióticos
Resistencia bacteriana aos antibióticos | Fonte: Commons - Arquivo

Neste contexto, surxe o proxecto REPLICATE, unha iniciativa centrada no desenvolvemento de antibióticos autorreplicantes que sexan quen de amplificar a súa acción mediante a formación de copias de si mesmos. Galicia Confidencial entrevista hoxe ao líder do equipo de científicos que se atopa somerxido dende comezos de ano neste proxecto, o investigador Ignacio Insua López. Para contextualizar o nivel de preocupación acadado na actualidade pola resistencia das bacterias aos antibióticos, aporta un dato: cada ano prodúcense 1,3 millóns de mortes a nivel mundial derivadas desta resistencia. E apunta a que "hai estudos que mostran como certos illados de bacterias dalgún paciente amosaron resistencias a todos os antibióticos que se probaron nun hospital, é dicir, que xa chega a haber infeccións que son resistentes a todo o espectro de antibióticos existente". Ademais, lonxe de pensar que esta resistencia aparece unicamente no caso de persoas vulnerables clinicamente ou con patoloxías previas, a realidade é que "todos estamos predispostos a amosarnos vulnerables á resistencia aos antibióticos, aínda que logo inflúa tamén nesta vulnerabilidade a idiosincrasia de cada quen".

"NON HAI ESCAPATORIA Á EVOLUCIÓN; A RESISTENCIA AOS ANTIBIÓTICOS VAI SER UNHA LOITA QUE IMOS ESTAR LIBRANDO AO LONGO DE TODA A NOSA EXISTENCIA"

Como explica, "evolutivamente, as bacterias poden sufrir mutacións ao igual que as nosas células, coas que poden modificar as súas estruturas ou compoñentes", de maneira que "a acumulación desas mutacións fai que os antibióticos perdan actividade, porque o seu funcionamento céntrase en atacar precisamente a estes compoñentes específicos das bacterias". Neste senso, Insua resalta que "é importante comprender que non hai escapatoria á evolución e que a resistencia aos antibióticos vai ser unha loita que imos estar librando ao longo de toda a existencia da humanidade". Algo que resulta máis doado de comprender tendo en conta que "as bacterias reprodúcense cada 30 minutos, polo que teñen unha taxa de aparición de mutacións moito máis alta que a das nosas células e, polo tanto, tamén unha taxa de evolución moito máis rápida". Así mesmo, o investigador resalta outra particularidade das bacterias que vén agravar o problema da resistencia, e é que, "máis aló de que a mutación adquirida por unha bacteria transmita eses factores de resistencia á súa descendencia, ao igual que acontece no caso das células humanas, as bacterias tamén poden transmitir esa nova información xenética dunhas ás outras, de xeito horizontal, é dicir, dun veciño a outro". Isto acontece porque son células moito máis sinxelas cas nosas, o que dá lugar a que unha nova mutación "se poida expandir tan rápido como a pólvora".

Pero, cando comezou realmente a falarse da resistencia bacteriana? Cando comezou a terse constancia da súa existencia? Insua sinala que "hai algúns artigos que amosan o momento no que se introduciu un antibiótico no mercado ou nunha clínica para ser usado e cando apareceron as primeiras descricións de resistencia bacteriana ao mesmo". Así, por exemplo, apunta que, "no caso do primeiro antibiótico que se empregou na historia, a penicilina, a primeira resistencia apareceu xa durante a propia etapa de desenvolvemento do medicamento, é dicir, mesmo antes de que comezase a ser empregada en clínica". Así as cousas, a realidade é que "actualmente todos os antibióticos principais que se empregan a día de hoxe como tratamento teñen desenvolvidas resistencias", xa que, "ao final, unicamente se trata dunha cuestión de tempo que estas aparezan, porque é inevitable". "Contra a evolución non podemos facer nada", confesa o investigador.

Bacterias
Bacterias | Fonte: Pixabay - Arquivo

"OS EXCREMENTOS DOS ANIMAIS TRATADOS NA GANDARÍA CON ANTIBIÓTICOS TAMÉN TEÑEN RESTOS QUE SE FILTRAN AO SUBSOLO E REMATAN CHEGÁNDONOS"

Agora ben, cales son os factores que inflúen na xestación desa resistencia? Dar unha única resposta é difícil, pero Ínsua apunta ao uso abusivo de antibióticos en clínica e, especialmente, ao emprego de antibióticos na gandaría con animais que rematarán por formar parte da nosa alimentación. Con todo, confesa que "se eliminásemos esas dúas vías de xeración de resistencia esta seguiría existindo, aínda que evolucionase de maneira moito máis lenta". Por poñer un exemplo comprensible, o investigador sinala que "coa resistencia ás bacterias ocorre algo semellante ao que ocorre co cambio climático, que vai habelo sempre, pero nas últimas décadas viuse incrementado polos procesos industriais e a man do home". No tocante ao abuso de antibióticos no ámbito clínico, Ínsua convida a non criminalizar este emprego que se fixo durante anos, pois "os antibióticos son medicamentos estupendos que salvaron milleiros de vidas dende a súa aparición, polo que é normal que se teñan empregado tan abundantemente nos casos en que semellaban ser precisos para conter unha infección". E é que "debemos ter en conta que non fai tanto podiamos mesmo morrer por unha infección de enxiva derivada do quite dunha moa".

Por iso, o investigador considera que o maior problema a día de hoxe non parte tanto do ámbito da saúde, dos tratamentos hospitalarios, senón máis ben do abuso que se fai dos antibióticos na produción alimentaria, especialmente na industria cárnica, onde se administran a polos, vacas ou porcos. Neste senso, convida a reflexionar que "xa non só se trata da dose que se inxecta ao animal, senón que os excrementos deste animal tratado con antibióticos tamén teñen restos dos mesmos que se poden filtrar ao chan ou pasar aos acuíferos, ás augas do subsolo, chegando finalmente tamén ao ser humano en doses de partida para inducir a aparición desa resistencia bacteriana". "Ao final é a través da cadea trófica que podemos estar inxerindo unhas cantidades residuais de antibióticos na nosa dieta sen sequera decatarnos e, a maiores, podemos vernos expostos a elas tamén na nosa relación co medio ambiente", destaca. Neste punto pode estar a clave desas resistencias que se diagnostican sen atopar un emprego previo do antibiótico en cuestión por parte da persoa a tratar.

"CON REPLICATE ESTAMOS INTENTANDO FUXIR DO DESEÑO TRADICIONAL DOS ANTIBIÓTICOS, MOI CENTRADO EN ATACAR COMPOÑENTES ESPECÍFICOS"

Para facer fronte a esta problemática que cada ano é a responsable de milleiros de mortes, co proxecto REPLICATE trátase de aportar un enfoque distinto á súa posible solución. "O que estamos intentando facer é fuxir do deseño que tiveron tradicionalmente os antibióticos, compostos por moléculas que se centran en atacar compoñentes específicos das bacterias, o que provoca que como as bacterias poden mutar os seus compoñentes, os antibióticos rematen quedando obsoletos, aparecendo así a resistencia", explica Insua. Deste xeito, "o noso equipo pretende desenvolver estratexias coas que atacar directamente a integridade da bacteria, perforando a súa membrana, non atacando só a un compoñente específico, senón destruíndoa ao completo". Como facelo? "Isto unicamente se pode lograr se os nosos materiais, as nosas moléculas, son o suficientemente intelixentes como para atopar bacterias no noso corpo", expón o investigador, que sinala que, "para conseguilo, queremos administrar no canto dunha única molécula antibiótica, dúas moléculas precursoras que por si mesmas non fan nada pero que, cando se atopan con bacterias no organismo, son quen de combinarse nunha molécula final que é a que ten a capacidade antibiótica suficiente como para romper a integridade das bacterias, rachando coa súa membrana ao completo".

Insua apunta que "este tipo de antibióticos que rachan coa membrana das bacterias non son algo novo, xa existen dende hai anos, e reciben o nome de 'last resort' --algo así como 'última opción'--, pero os que temos ata o de agora son inespecíficos e, ademais de romper as membranas das bacterias, tamén rematan rompendo as membranas das propias células humanas, de maneira que só se administran nos hospitais baixo unha vixilancia médica estrita, porque o nivel de risco-beneficio é moi delicado". Co proxecto REPLICATE lograríanse antibióticos que atacasen só ás bacterias daniñas e non ás células humanas como efecto secundario. Polo momento, esta iniciativa está na súa fase inicial, pois as investigacións comezaron o pasado mes de xaneiro, pero o investigador conta que "para conseguir a financiación que está a apoiar o noso traballo xa tivemos que desenvolver o pasado ano unha probas de concepto coas que puidemos demostrar que, efectivamente, podemos lograr ter nun antibiótico dous precursores que combinan as bacterias e que son quen de atopalas selectivamente e acumularse nelas".

"TRÁTASE DUNHA APOSTA DE ALTO RISCO, PERO DE MOI ALTO IMPACTO SE CONSEGUIMOS TRASLADALA CON ÉXITO A UN PACIENTE"

Así, "as probas de concepto que sustentan a tecnoloxía de combinación dos precursores en presenza de bacterias con especificidade témolas superadas, o que acontece é que agora, con ese concepto, temos que explorar toda a variabilidade química que poden ter estas moléculas, pois en función de como xoguemos coa súa estrutura química podemos facer que estas teñan actividades máis rápidas ou máis lentas, algo que ás veces pode ser interesante para lograr un efecto antimicrobiano sostido no tempo". Coa investigación nese punto, resulta innegable dicir que con REPLICATE se abre unha esperanza de cara ao tratamento futuro de infeccións con bacterias porque "este tipo de investigacións están a cambiar moito a maneira de concibir ou visualizar a terapia antimicrobiana". "Trátase dunha aposta de alto risco, pero de moi alto impacto, xa que, se conseguimos trasladala con éxito a un paciente, xa non é que esteamos seguros de que imos desenvolver uns conceptos químicos e biolóxicos ao longo do noso proxecto que nos van permitir entender moito mellor como poder atallar esta problemática e como funcionan os antibióticos que poderiamos empregar no futuro, senón que poderiamos levala á práctica", asevera. 

Polo de agora, podemos facer algo para contribuír a reverter ou retrasar a chegada da resistencia bacteriana ao noso organismo? O investigador sinala que unha boa medida que se está a investigar nestes momentos é "o coidado da flora bacteriana, é dicir, o coidado das bacterias 'boas' que temos no noso corpo". "Coidar desa microbiota é un factor crave na saúde e no control das susceptibilidades aos antibióticos", afirma. Deste xeito, Insua apunta que "nas últimas décadas están aparecendo moitos estudos que correlacionan a microbiota coa aparición de moitas patoloxías, como por exemplo co propio cancro, de maneira que se ten demostrado que coidar a flora bacteriana do noso organismo pode ser un factor crave na prevención de enfermidades futuras e, dende logo, tamén no retraso da aparición da resistencia aos antibióticos".

Antibióticos
Antibióticos | Fonte: Pixabay - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta