Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/03/2025 | Actualizada ás 10:58
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, cre que a resolución coa que a Xunta dá o visto e prace á factoría de Altri desde o punto de vista ambiental "non despexa" as dúbidas que ofrece o proxecto "non só no aspecto ambiental, senón tamén no social e económico".
En declaracións difundidas aos medios na mañá deste venres, o recentemente renovado líder dos socialistas galego incidiu en que persisten os "grandes interrogantes" que rodean a "sustentabilidade" do proxecto da multinacional portuguesa en Palas de Rei.
"Desde o inicio, desde o PSdeG deixamos claro que esta iniciativa presentaba graves interrogantes na súa sustentabilidade, non só no seu aspecto ambiental, senón tamén no social e económico", subliñou Besteiro, que considera que estas "dúbidas" non quedan resoltas no informe co que a Xunta dá o visto e prace a que o proxecto continúe coa súa tramitación ao entender que cumpren coas esixencias ambientais.
Tras incidir en que "a opacidade e a falta de explicacións son a marca da casa" do goberno autonómico de Alfonso Rueda e Altri "é un exemplo máis desta forma de actuar", Besteiro cuestiona as cifras de creación de emprego prometidas polos promotores de 'Gamma', que, segundo os socialistas, foron "reducíndose progresivamente, deixando en evidencia a falta de seriedade do proxecto".
Coa autorización ambiental da Xunta, o desenvolvemento da factoría de Altri queda agora ligada á consecución dos 250 millóns de euros de fondos europeos que solicitan ao Goberno central. Os promotores do proxecto sinalaron leste mesmo venres que a resolución do Executivo galego encarrila a obtención destas axudas.
Para Besteiro, destinar esta contía de recursos públicos a unha iniciativa como esta constituiría "unha irresponsabilidade absoluta" porque "pode hipotecar recursos fundamentais para Galicia".
ANA PONTÓN
A decisión da Xunta de conceder o permiso ambiental ao proxecto da pasteira lusa Altri en Palas de Rei provocou xa as primeiras reaccións desde o mundo da política, onde BNG e Sumar manifestaron que continuarán contestando o desenvolvemento da iniciativa industrial e buscarán parala.
"Gañaremos esta batalla coa forza deste país, que nin se vende nin se rende. Altri non, Galiza si", publicou nunha mensaxe publicada na rede do fascista Elon MusK, 'X', a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que atenderá aos medios na mañá deste venres desde Vigo.
Tamén se situaron en contra da decisión da Xunta en Sumar, cuxa portavoz no Congreso, Verónica Martínez Barbeiro, acusou ao PP de "traizoar a maior mobilización social no territorio desde o Prestige". "Rueda vende a Galicia á multinacional Altri. O PP traizoa a maior mobilización social no territorio desde o Prestige. A xente falou, Altri non. Desde Sumar, levaremos a cabo todas as accións necesarias para parar esta barbarie ambiental", escribiu Martínez Barbeiro na rede social 'BlueSky'.
JOSÉ TOMÉ
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, trasladou a súa aceptación do informe de viabilidade ambiental da Xunta con respecto ao proxecto de Altri en Palas de Rei, pero expuxo, tanto ao goberno autonómico como á empresa, varias aclaracións sobre a súa viabilidade económica. "Sempre dixen que aceptaría o que dixesen os técnicos", sinalou Tomé, que engadiu que "respecta" estes informes, aínda que matizou que, para el, "quedan varias dúbidas por despexar".
Así, afirmou que hai tres puntos que xeran "inquietude", citando en primeiro lugar que se trata de "un proxecto menos social do que se dixo, xa que o nivel de emprego vai ser menor do que se prometía e os seus beneficios sociais, por tanto, tamén serán menos".
José Tomé explicou ademais que o proxecto está baseado "en gran medida" en fondos que deberá conceder a Unión Europea, un total de 250 millóns de euros, polo que se pregunta o presidente da Deputación pola súa viabilidade económica: "Que vai ser deste proxecto se falta este financiamento?". Por último, reclama información sobre "o compromiso e o esforzo económico que debe facer a Xunta para axudar a financiar este proxecto".
REACCIÓNS DO PP
O portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos Couñago, manifestou este venres que a luz verde ambiental da Xunta ao proxecto da pasteira lusa Altri en Palas de Rei é "unha magnífica noticia" e puxo o foco en que o Goberno central "debe pronunciarse".
"Falta por saber se Galicia ten acceso, en condicións de igualdade, a fondos que si se están repartindo por outras comunidades, ou se unha vez máis se vai a permitir a discriminación o prexuízo simplemente por razóns ideolóxica. Pareceríanos gravísimo", advertiu o portavoz popular, nunha rolda de prensa en Santiago.
CONSELLEIRAS DE MEDIO AMBIENTE E DE ECONOMÍA
As conselleiras de Medio Ambiente e Economía, Ángeles Vázquez e María Jesús Lorenzana, defenden a "transparencia" da "totalmente rigorosa" declaración ambiental outorgada pola Xunta a Altri para o seu proxecto en Palas, posto que "non hai nada que poña en dúbida" esta autorización. Avisan de que "agora está en mans do Goberno" a viabilidade, xa que, máis aló do financiamento, debe outorgar conexión eléctrica á futura fábrica.
En rolda de prensa en Santiago tras publicarse no Diario Oficial de Galicia (DOG) a luz verde ambiental, Lorenzana explicou que se quere transmitir "tranquilidade" á poboación sobre esta polémica futura fábrica, á vez que Vázquez dixo que queren "dar a cara" ante un proxecto que recoñece que "xerou controversia" e "preocupación social", a cal "moitas veces veu motivada por intereses partidistas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.