Feijóo rexeita os aranceis de EEUU e defende o libre comercio

O líder do PP estatal avoga por unha política baseada no diálogo e a diplomacia

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/03/2025 | Actualizada ás 18:52

Comparte esta noticia

O presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, manifestou a súa oposición á imposición de aranceis por parte dos Estados Unidos e asegurou que o seu partido fará valer a súa influencia tanto nas comunidades autónomas como na Unión Europea para impulsar unha política baseada no "acougo, respecto, libre comercio e aranceis cero".

O presidente do Parido Popular, Alberto Nuñez Feijoo
O presidente do Parido Popular, Alberto Nuñez Feijoo | Fonte: Kike Recuncho

Feijóo abordou esta cuestión durante unha visita a unha adega en Serrada (Valladolid), onde puxo o sector agroalimentario como exemplo dos principais afectados por posibles restricións comerciais. "Estamos a xogarnos máis de 400 millóns de euros en exportacións a EEUU", indicou, ao lembrar que Estados Unidos é o segundo maior mercado do viño español, só por detrás de Alemaña.

"O verdadeiro sentido de Estado e o verdadeiro patriotismo é solucionar os problemas con EEUU. O resto é patriotismo de boca para fóra", afirmou Feijóo, ao tempo que acusou o Goberno central de responder con "insultos" e criticou o "silencio cómplice" de Vox.

"A guerra dos aranceis é unha batalla na que todos perdemos", advertiu, defendendo unha resposta baseada en "diplomacia, intelixencia e diálogo". Ademais, subliñou que o PP non insultará a Trump, xa que considera que Estados Unidos é "un país aliado no último século".

PROPOSTA DE APOIO AOS AUTÓNOMOS

Durante a súa intervención, Feijóo tamén fixo referencia ao Plan de Autónomos que presentou a comezos de marzo, no que destaca unha proposta para ampliar a figura do autónomo colaborador a persoas non familiares, co obxectivo de favorecer a substitución xeracional nas empresas.

Tamén propuxo que autónomos e aprendices coticen de maneira conxunta durante os cinco anos previos á xubilación, así como a creación da figura do "autónomo forma", un modelo que ofrecería os dereitos dun aprendiz, pero cun proceso menos burocrático.

Estas medidas, segundo Feijóo, axudarían a "fixar poboación no territorio" e contribuír á continuidade dos pequenos negocios. Finalmente, alertou sobre o incremento do IPC ao 3%, sinalando que este dato "prexudica ao poder adquisitivo dos españois" e demostra que "a economía non vai como un foguete".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta