Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/03/2025 | Actualizada ás 19:20
A evolución da gripe en Galicia volveu ser "estable", aínda que a semana pasada pasara a "descendente", debido a que se mantiveron invariables as consultas de atención primaria e baixaron os ingresos. Con todo, a Consellería de Sanidade continúa vixiante para confirmar esta tendencia pola posible influencia que poida ter a celebración do Entroido.
A Dirección Xeral de Saúde Pública deu a coñecer este xoves o informe epidemiolóxico referido ao período entre o 3 e o 9 de marzo. Con estas cifras, a Consellería estima que, en próximas semanas, os principais indicadores da gripe poderían seguir en descenso, pero dunha forma máis desacelerada.
De acordo cos datos de Saúde Pública, a taxa de consultas por gripe en atención primaria a semana pasada foi de 42,6 por cada 100.000 habitantes, igual que a anterior. Por grupos de idade, só aumentaron en dúas (20-59 anos e 60-79 anos) e, aínda que baixaron no resto, a taxa máis alta téñena os pacientes máis pequenos, de 0 a 4 anos, con 59,4 consultas por cada 100.000 habitantes.
Se se observan os datos por áreas sanitarias, as visitas ao médico só baixaron nas da Coruña-Cee, Pontevedra-O Salnés e Vigo, pero a que ten a taxa máis alta, con 65,4 por cada 100.000, é a de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras.
No que respecta aos ingresos hospitalarios, a semana pasada ingresaron 241 persoas con gripe confirmada, un 5% menos que a semana anterior. Con elas, os hospitalizados desde o inicio da tempada elévanse a 2.388, a maioría (1.997) por gripe A.
En termos relativos, a taxa de ingresos no conxunto da poboación foi de 8,9 por cada 100.000 habitantes, co grupo de 80 e máis anos como o que presentou a máis elevada, con 41,5 por cada 100.000. Só creceu, lixeiramente, enre as persoas de 60 a 79 anos.
Por áreas sanitarias, este dato unicamente subiu na de Ourense, a 20,7 por cada 100.000 habitantes, e na da Coruña, a 5 por cada 100.000.
VENDAS EN FARMACIAS
Mentres tanto, as vendas na rede de farmacias sentinela acumulan a súa segunda semana consecutiva de alza, tanto na dispensación de antigripais (920 expedidos) como de test de antígenos (519), e volven a cifras de xaneiro.
Así mesmo, a positividad das probas realizadas para o virus de tipo A volveu crecer, ata o 19,7%, mentres que para o tipo B mantívose nun escaso 1,5%. Para todos os tipos de gripe, subiu ao 21,1%.
O informe de Saúde Pública tamén inclúe cifras sobre a situación doutras infeccións respiratorias. No caso da covid, subiu o índice de ingresos --de 11 a 22 nunha semana--, aínda que os datos do virus respiratorio sincitial (VRS) baixaron.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.