Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/07/2019 | Actualizada ás 12:47
A Consellería de Sanidade comezará este luns a administrar ás nenas de 12 anos a nova vacina nonavalente contra o virus do papiloma humano (VPH), que substitúe no calendario infantil a bivalente que se está administrando na actualidade, xa que "achega un 10% máis de prevención de casos de cancro".
Desta forma, segundo informou a Dirección Xeral de Saúde Pública, as nenas que cumpran 12 anos e que aínda non iniciaron a vacinación fronte ao VPH, recibirán dúas doses da nova vacina, cun intervalo mínimo entre ambas de cinco meses. Se a pauta se inicia nas maiores de 14 anos, as doses que recibirán serán tres.
En tratamentos xa iniciados, o departamento sanitario recomenda finalizar a vacinación coa mesma vacúa, sempre que sexa posible. En caso contrario, administrarase a vacina nonavalente para finalizar o réxime de vacinación incompleto, seguindo as normas marcadas en cada caso por Sanidade.
Entre as recomendacións de vacinación de grupos de risco de todas as idades, a Xunta amplía ata os 45 anos a indicación de vacina nonavalente fronte ao VPH nas persoas con VIH, en homes que teñen sexo con homes, en persoas en situación de prostitución e en mulleres con transplantes de órgano sólido ou de proxenitores hematopoéticos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.