A familia Franco tamén terá que deixar ver catro veces ao mes as dúas esculturas do mestre Mateo

A Xunta declara BIC nove esculturas do Mestre Mateo, entre elas, as de Abraham e Isaac, en posesión da familia Franco e polas que está loitando en sede xudicial o Concello de Santiago. “Imos presumir que logo dos antecedentes de Meirás pois non haxa incidencias nas visitas”, advirte Feijóo.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 26/07/2019 | Actualizada ás 15:10

Comparte esta noticia

Primeiro foi o Pazo de Meirás e agora as dúas esculturas do Mestre Mateo. A familia Franco tamén terá que deixar que calquera cidadán poida visitar, cando menos catro veces ao mes, as estatuas de Abraham –ou Xeremías-- e Isaac –ou Equequiel, segundo algúns autores--. Unha situación que se produce logo de que este xoves o presidente da Xunta anunciara que esas dúas figuras, conxuntamente con outras sete do mestre Mateo, procedentes da desaparecida fachada occidental da Catedral de Santiago, foran declarados Ben de Interese Cultural (BIC).

Exposición das obras do Pórtico da Gloria do Mestre Mateo, no Museo do Prado
Exposición das obras do Pórtico da Gloria do Mestre Mateo, no Museo do Prado | Fonte: Europa Press.

Estas dúas figuras foron motivo dun proceso xudicial entre o Concello de Santiago e a familia Franco que, en primeira instancia, gañaron os descendentes do dictador pero que o consistorio santiagués anunciou que recorrería. Precisamente, a esta cuestión se referiu Alberto Núñez Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. “Haberá que agardar o que depara esa segunda setenza”, dixo. 

O presidente galego lembrou que a declaración dun ben como BIC é un recoñecemento de valor cultural "que non afecta á súa titularidade" pero cuxos propietarios teñen "o deber de habilitar un mínimo de catro días de visita ao mes".“En todo caso, o que fixo o Goberno galego foi dotar de protección máxima esas esculturas”, destacou.

Por iso, repetiu en varias ocasións que os cidadáns poderán visitalas, cando menos, catro veces ao mes. “E que pasa se a familia, tal e como aconteceu co Pazo de Meirás, non quere amosar esas figuras?”, preguntou Galicia Confidencial. “Pois actuaremos en consecuencia”, respondeu ao apuntar a posibles sancións. “Imos presumir que logo dos antecedentes de Meirás pois non haxa incidencias nas visitas”, engadiu.

BIC EN CINCO MESES

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria iniciou o procedemento para a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) o pasado febreiro e acaba e resolvelo nun tempo récord tendo en conta que o prazo máximo para a resolución deste tipo de expedientes é de 24 meses. “Non houbo ningún tipo de incidencia durante o período de tramitación”, destacou Feijóo. 

Estatuas de Isaac e Abraham, obras do Mestre Mateo, en Santiago de Compostela. EUROPA PRESS - Archivo
Estatuas de Isaac e Abraham, obras do Mestre Mateo, en Santiago de Compostela. EUROPA PRESS - Archivo

Na resolución, o Goberno galego expuña que estas nove pezas teñen "o valor suficiente para ser declaradas BIC" polo seu "patrimonio cultural, o seu significado, a súa procedencia e a xenialidade do seu autor". As nove figuras románicas teñen unha cronoloxía comprendida entre os anos 1188 e 1211. Na actualidade, atópanse tanto en mans do Franco como custodiadas en institucións públicas como o Museo da Catedral de Santiago ou o Museo de Pontevedra.

XUÍZO

En novembro pasado, o Concello de Santiago denunciou pola vía civil á filla do ditador Francisco Franco, Carmen Franco, pola propiedade "irregular ou ilegal", en palabras do ex rexedor da capital galega, Martiño Noriega, das estatuas de Abraham e Isaac do Mestre Mateo. Ademais, o ex alcalde asegurou que o Consistorio incorporara "toda a documentación que demostra que o Concello é o lexítimo propietario das dúas pezas, adquiridas ao Conde de Ximonde en 1948".

Coa morte de Carmen Franco o pasado 29 de decembro, a demanda pasou a mans dos seus fillos. Neste sentido, Noriega apuntou que seguirían con esta acción "reivindicativa de recuperación dun patrimonio público que foi usurpado pola familia Franco".

"BO ESTADO DE MANTEMENTO"

Ademais das que están en posesión da familia do ditador, as outras sete representan ao Rei David, ao Rei Salomón, a outro monarca bíblico, aos profetas Xeremías, Isaac, Ezequiel, Enoc, Elías, Fernando II de León e Malaquías, a estatua de Santiago 'Miles Christi' e unha última peza descrita de forma xenérica como "cabeza de estatua e columna".

A Consellería indicou que na actualidade atópanse nun "bo estado de mantemento xeral" tras a restauración á que se someteron para unha exposición monográfica sobre o Mestre Mateo no Museo do Prado de Madrid.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 CornideBack

Se non cobran por velas ata vexo isto coma unha boa opción. Se llas dan á igrexa "gallega" de certo que cobrarán por velas... Marca Xacobeo (isa empresa privada da Sunta del Noroeste S.A.).

2 Lvmierán

Sí, e falar galego unha vez ó ano (como os subvencionados da Sunta del znoroeste). De rematar co franquismo xa falaremos outro día dixo o narcopresidente.

1 o museo catedralicio

deberían estar xa nun museo... pero o preito foi mal presentado polo anterior concello de sani-AGE de componendas...

1 anonimo

Nunca serán públicas. Os bens públicos tamén se poden usucapir. Hai xurisprudencia que declara a desafectación tácita, que é outro xeito de usucapión. Ata por sentido común ¿onde quedaría a seguridade xurídica e o dereito á propiedade privada se despois de case que 41 anos da promulgación da Constitución poideran volver a ter titularidade pública? Isto tras unha posesión pública, notoria, incontestada, etc. O pleito de Martiño tivo un asesor histórico moi mellorable, pero aínda así perderían sempre.