A Xunta propón a Parter un plan de formación e financiamento para a planta Alu Iberia na Coruña

Feijóo ve "impropio dun goberno responsable" que a ministra de Industria non se reunise con el na súa visita a Galicia.

Por E.P. | A CORUÑA | 06/08/2019 | Actualizada ás 17:20

Comparte esta noticia

A Xunta propuxo a Parter Capital un plan de formación e o financiamento de investimentos para a planta de Alu Iberia na Coruña, a antiga Alcoa, nun encontro cun representante deste fondo e ao que seguiu outro con membros do comité de empresa.

"Ofrecémoslle un plan de formación aos traballadores e se é necesario colaborar, se a normativa o permite, en financiar investimentos que esta fábrica necesita", resumiu, ao termo do encontro celebrado na Delegación Territorial da Xunta na Coruña, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado do conselleiro de Industria, Francisco Conde.

En declaracións aos xornalistas, Feijóo precisou que o representante de Parter "non pediu nada", pero que se lles trasladou que "se veñen para quedar, para investir, para manter os postos de traballo, que conten coa Xunta".

E é que o presidente da Xunta incidiu en que o acordo de venda supón "unha solución provisional" e que a vontade do Executivo galego é que sexa "definitiva", unha vez que transcorran os 24 meses fixados no citado acordo.

Ademais de insistir na necesidade de garantir a continuidade da fábrica pasados os dous anos, subliñou que "o futuro pasa polo estatuto electrointensivo" tanto para esta empresa como para outras que dependen do prezo da enerxía. "Hai que seguir traballando para ter un estatuto electrointensivo para todas as empresas", engadiu apelando a traballar de "forma conxunta" con outras administracións.

"EQUIVOCACIÓN" DA MINISTRA

Preguntado se, despois de que a ministra de Industria en funcións, Reyes Maroto, non se reunise cos responsables da Xunta na súa visita este luns a Galicia, puxo en risco a posibilidade de colaboración, Feijóo asegurou que "esta equivocación non debe volver repetirse".

"Nin esta falta de respecto institucional, isto é impropio dun goberno responsable", recriminou ao Executivo en funcións. E é que Feijóo mostrouse convencido de que a ministra Maroto "non trataría así ao Principado de Asturias". "A única diferenza é que o presidente da Xunta pertence ao PP", engadiu.

"APONTOAR" O PROXECTO

Pola súa banda, o presidente do comité de empresa da planta de aluminio coruñesa, Juan Carlos Corbacho, remarcou que "se acabou o tempo de felicitarnos, toca traballar".

Ademais, sinalou que aproveitaron a reunión para pedir á Xunta "que se poñan en liña --dixo en relación coa implicación doutras administracións-- para poder apontoar este novo proxecto industrial". "Así nolo trasladaron", explicou Corbacho, quen destacou que o fondo que adquiriu a fábrica vén "coas ideas claras".

"Arrincar as naves de electrolisis canto antes se ese prezo da enerxía baixa aos índices que eles estiman". "É unha oportunidade e temos que tratar de facelo ben", dixo convencido das posibilidades de crecemento desta planta.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa do Consello.. XUNTA DE GALICIA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa do Consello.. XUNTA DE GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta