Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/08/2019 | Actualizada ás 15:47
O programa 'Reincorpora' da Caixa ofreceu itinerarios de inserción sociolaboral en Galicia a 114 internos dos centros penais de Bonxe (Lugo), Ourense e A Lama (Pontevedra) e o Centro de Inserción Social da Coruña o ano pasado.
Segundo informou a entidade nun comunicado, o proxecto realízase en colaboración co Ministerio do Interior a través a Entidade Estatal Traballo Penal e Formación para o Emprego e diríxese a poboación recluída de toda España na fase final da súa condena.
O programa da Caixa --desenvolvido en Galicia polas delegacións de Érguete na Coruña e Vigo, Cruz Vermella e APES-- ofrece "itinerarios personalizados adaptados ás necesidades de preparación técnica e persoal dos internos", destacaron as mesmas fontes, que "combinan formación, accións de servizo á comunidade e integración laboral, co obxectivo de que a persoa amplíe as súas competencias, reforce valores e mellore habilidades persoais e profesionais que lle axuden no seu camiño cara á plena inclusión social e laboral", abundaron.
"As cifras de integración laboral dos internos avalan a consolidación do programa", asegurou a entidade. Así, en 2018, un total de 51 dos participantes que finalizaron o seu itinerario de inserción sociolaboral conseguiron un traballo grazas a 18 empresas contratantes.
En toda España, 1.209 internos conseguiron o ano pasado un traballo a través de 'Reincorpora' mediante a colaboración de 771 empresas. Ademais, desde a posta en marcha desta inicitiva, en 2011, participaron 14.709 internos en todo o país e 5.803 deles atoparon emprego grazas a 5.290 empresas contratantes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.