Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 13/08/2019 | Actualizada ás 12:36
O Foro Galego da Inmigración convocou para este mércores, ás 20,00 horas, unha concentración ante a Subdelegación do Goberno para reclamar o traslado a "porto seguro" dos inmigrantes que permanecen en alta mar, como o caso dos que se atopan no 'Open Arms'.
En concreto, insta a "todas as organizacións e persoas solidarias" a participar nesta protesta para reclamar que a política migratoria da Unión Europea deixe de ser "unha monstruosidade todos os días". A concentración foi convocada baixo as proclamas 'Porto seguro xa', 'Dereito ao refuxio' e 'Vida digna para todas'.
Nun comunicado sinala que no que vai de ano "máis de 840 persoas perderon a vida no Mediterráneo segundo a Organización Internacional das Migracións". "Hoxe dous barcos, o 'Open Armas' e o 'Ocean Viking' esperan autorización para levar a porto seguro en Malta ou Italia a máis de 400 persoas".
O Foro Galego da Inmigración critica o posicionamento de Italia por "ameazar a toda ONG que entre nas súas augas territoriais con multas de ata un millón de euros e con reter aos barcos de rescate"; a Malta por "non conceder autorización" e a España por "desentenderse dun barco con bandeira española".
Aos seus respectivos gobernos, repróchalles non "respectar o dereito internacional" e incumprir "vergonzosamente" coas obrigacións que este lle impón. Por outra banda, denuncia o "trato inhumano e degradante que supón esta espera no mar" e esixe que se cumpra "a lei do mar" e se lles leve a "porto seguro". Tamén solicita "vías de acceso seguras para as persoas solicitantes de asilo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.