Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/08/2019 | Actualizada ás 13:58
A Escola Galega de Administración Pública convocou unha nova edición do curso superior de administración electrónica para empregados públicos, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e do Colexio profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia.
Esta actividade ten como finalidade profundar, desde unha perspectiva técnico-xurídica e cunha importante parte práctica, na concepción da administración electrónica, incidindo na relevancia que ten a súa implantación nas distintas administracións galegas.
Así, os contidos do programa analizarán desde distintos enfoques a administración dixital para que o alumnado adquira ou perfeccione os seus coñecementos teóricos e prácticos en informática e en dereito.
Este curso superior, que servirá para dar formación a 80 empregados públicos, terá lugar entre o 24 de setembro e o 22 de outubro e será impartido na modalidade semipresencial, con 30 horas presenciais en Santiago de Compostela e 84 en teleformación.
A Xunta lembrou que esta actividade é gratuíta e vai dirixida ao persoal empregado público da Administración autonómica e das entidades instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia que pertenzan aos grupos A1 e A2 do persoal funcionario ou aos grupos I e II do persoal laboral.
No caso de non cubrirse a totalidade das prazas convocadas, as vacantes poderán cubrirse por persoal empregado público da Administración Local, da Administración de Xustiza e das universidades do Sistema Universitario de Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.