Por Galicia Confidencial | OURENSE | 30/08/2019 | Actualizada ás 13:43
Amigos da Terra anunciou que se produciu un agravamento na presenza de cianobacterias na zona de Pontoquintela encoro das Conchas, no concello de Bande. Ademais, tamén se ve afectada a zona de O Corgo-A Rola, no Concello de Muíños. Alcanzouse o máximo nivel de risco de proliferación destes organismos ao superarse as 100.000 células por mililitro.
Fai dez días, a organización xa avisara do empeoramento na calidade de auga da zona e indicara que alí se daban as condicións idóneas para a proliferación das cianobacterias: Altas temperaturas, moitas horas de luz solar e un exceso de nutrientes provenientes neste caso das explotacións gandeiras da comarca da Limia.
Esta situación implica unha alta probabilidade de efectos adversos para a saúde, polo que estaría prohibido bañarse nin realizar actividades acuáticas nas zonas afectadas. Dende a organización ecoloxista, indican que esta situación non se atallará se non se soluciona “a problemática da xestión de residuos gandeiros que producen a explotación da comarca da Limia e da Baixa Limia”, así como se indica nun informe recente realizado polo Ministerio de Transición Ecolóxica que tamén alerta do risco de contaminación por nitratos dos ríos en varios puntos da comarca de Xinzo de Limia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.