Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 03/09/2019 | Actualizada ás 16:02
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, avanzou este martes que o primeiro Plan de Usos e Xestión do parque natural Serra da Enciña de Lastra, situado en Rubiá (Ourense), entrará en vigor a "comezos deste outono". Así o anunciou durante a súa visita ao Centro de Visitantes do Parque, no que subliñou que o último dos trámites será a súa publicación este mesmo mes de setembro no Diario Oficial de Galicia.
Neste contexto, Vázquez explicou que o Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUG) ten unha vixencia de seis anos e é un instrumento específico para xestionar, protexer e conservar os valores dun espazo natural, á vez que se garante o seu uso e a xestión adecuada dos seus recursos.
Un documento que, segundo indicou a conselleira, é un "recoñecemento" a todos os "valores" que fan "único" o parque natural máis recente do seis galegos, posto que conseguiu a súa declaración como parque natural o 3 de maio de 2002.
Así mesmo, a conselleira incidiu en que o parque tamén contará cun "plan de emerxencia e de autoprotección", así como un "plan de actuación en materia de biodiversidade, paisaxe, investigación e uso público".
Neste sentido, Vázquez fixo fincapé en que nas súas máis de 3.000 hectáreas de superficie se atopan as aciñeiras máis extensas e mellor conservadas de Galicia, entre as que destaca a Aciñeira de Cobas —que conta con máis de 500 anos de vida e foi declarada árbore singular pola Xunta de Galicia—; mantén salgueiros mediterráneos, pouco comúns no territorio de Galicia, e conserva os únicos tomiños do país.
Durante a súa visita, a conselleira tamén lembrou que o Consello da Xunta deu o visto e prace ao Plan Reitor de Usos e Xestión do Parque do Invernadoiro e que está a traballar no PRUG do Monte Aloia, que ata o venres estará en exposición pública.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.