Por Galicia Confidencial | Ourense | 01/02/2025 | Actualizada ás 20:25
"Brutalidade arboricida". Deste xeito califican entidades ecoloxistas da Limia o que aconteceu no Parque do Toural, en Xinzo da Limia, ao carón dunha canle da antiga lagoa de Antela. Denuncian a corta masiva de carballos, amieiros, freixos, bidueiros ou salgueiros ao longo de 1.500 metros do cauce.
"Arrasaron coas árbores, con toda a vexetación de ribeira. Xa se observan os esbarroncamentos das marxes da canle ao quedar as marxes desprotexidas", critican os ecoloxistas. "Os estragos, as desfeitas do patrimonio natural na chaira limiá son como unha peste que non ten cura", di Manuel García, integrante do Movemento Ecoloxista da Limia (MEL).
Non é o único "arboricidio" que afecta á provincia de Ourense. Nos últimos días, varias entidades veciñais e tamén o partido Xuntos por San Amaro denuncian a "poda indiscriminada" de varias carballeiras en distintas parroquias do concello. "Non se tratou dun simple mantemento ou dun necesario saneamento de pólas enfermas, senón dun acto de brutalidade arboricida. En lugar de recorrer a un estudo previo que avaliara a saúde das árbores, a necesidade real de intervención e as técnicas máis axeitadas, optouse pola vía rápida: mutilar sen medir as consecuencias", di o veciño Roberto García.
O alcalde popular da localidade Fernando Rodríguez respondeu que a poda masiva fíxose a petición dalgún veciño e para "velar pola seguridade" de determinados núcleos do concello. De feito, aduce que houbo certificación do Distrito Forestal para esta actuación, algo que nega a veciñanza e Xuntos por San Amaro.
Por outra banda, o MEL tamén denuncia estragos pola poda e corta de árbores na ZEPA da Limia-Rede Natura 2000, en Xunqueira de Ambía.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.