Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/09/2019 | Actualizada ás 15:25
A Deputación de Pontevedra enviou unha carta á conselleira de Educación, Carmen Pomar, para solicitar unha reunión na que abordar a transferencia da escola de cantaría. O ente provincial explica que a carta é consecuencia da moción presentada en pleno polo PP e apoiada por todos os grupos.
No texto, a corporación acordou solicitar ao Instituto Nacional de Cualificacións (INCUAL) a creación de ciclos de FP que "homologuen e incorporen ao sistema educativo regulado galego os estudos tradicionais da escola de cantaría".
Segundo sostén o ente provincial, dita moción "continúa a senda" iniciada no anterior mandato, cando se aprobou, tamén por unanimidade dos grupos, outra iniciativa orientada no mesmo sentido promovida polos socialistas.
Así as cousas, a deputada provincial Noemí Outeda sinalou que o goberno da Deputación traballa nestes momentos na regularización urbanística das instalacións construídas en Poio no ano 2000.
Unha vez completado este paso, o Executivo pontevedrés solicita a axuda da Xunta para "axilizar" a creación dos dous certificados de profesionalidade "como paso intermedio" á obtención de dous títulos de FP.
Ademais, reclaman que a Xunta inclúa nos orzamentos autonómicos do próximo ano unha partida econónica "específica" que cubra o 50 por cento do custo do funcionamento deste "centro único en Galicia e referencia mundial".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.