Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/09/2019 | Actualizada ás 15:24
A preocupación polos políticos crece en Galicia segundo o último barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) publicado este xoves. Supón o segundo principal do país para os galegos, só por detrás do paro.
Deste xeito, a preocupación dos galegos polos políticos sobe de forma que o 23,4% dos enquisados considera que está entre os tres principais problemas do país, son case dous puntos máis que no barómetro de xullo.
O paro está en primeiro lugar (41,9%), mentres que en terceira posición se sitúa a corrupción e a fraude (9,3%). Xa a máis distancia atópanse outros problemas como a sanidade (3,1%).
Pola súa banda, á pregunta de como cualifica a situación política de España, o 44,5% dos galegos enquisados di que é mala e o 34,1% moi mala. Só un 2,7% di que é boa, mentres un 16,8% di que é regular. Un 4% non sabe ou non contesta.
SÁNCHEZ, O MELLOR VALORADO
O último barómetro do CIS tamén reflicte o grao de coñecemento e a impresión que os galegos teñen da actuación política dos principais líderes das formacións de corte estatal.
Neste sentido e nunha escala do 1 ao 10, os enquisados puntúan a todos os líderes por baixo do nivel intermedio. A pesar diso, o líder do PSOE, Pedro Sánchez, sitúase no cume da táboa como o político mellor valorado polos galegos, cunha media de 4,5.
Ao socialista séguelle o 'popular' Pablo Casado, cunha valoración media de 3,5 por parte dos galegos, mentres que o líder de Ciudadanos, Albert Rivera, e a cabeza visible de Esquerda Unida, Alberto Garzón, sitúanse moi preto do candidato do PP, cun 3,4.
A lista péchana os líderes de Podemos e de Vox, Pablo Iglesias e Santiago Abascal, cunha media de 3 e de 1,8, respectivamente, e que o sitúan como os xefes políticos peor valorados polos galegos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.