S.O.S... Radiografía da doma e castración da industria de Galicia

Nos últimos meses estanse sucedendo a un ritmo nunca visto a desaparición do tecido industrial galego. Uns datos que demostran que a pouca industra deste país morre paseniñamente pola inacción das administracións, os fondos boitres e as especulacións, e a falta de certezas laborais. Esta é a radiografía dunha crise que afecta a máis de 5.100 traballadores, desde a industria naval, á telefónica, pasando polas enerxéticas ou hidroeléctricas.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 01/10/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As plantas de Alcoa na Coruña e en San Cibrao, as centrais de Meirama e As Pontes, as plantas de Ferroatlántica,  os astaleiros Vulcano ou Barreras, as filiais e subcontratas de Navantia ou R e así un longo etcétara.  Son sectores fundamentais da industria galega que comezan a ser mortos vivintes. Unha industria que, ademais, no país, dá emprego a miles de traballdores.  

Fábrica de Ferroatlántica en Cee. REMITIDA - Arquivo
Fábrica de Ferroatlántica en Cee. REMITIDA - Arquivo

Hai meses que a industria galega está en números vermellos. Así o indican distintas estatísticas publicadas nos últimos meses. A última do Instituto Nacional de Estadística (INE) pon unha gran mancha negra sobre un dos poucos motores da economía galega, a súa industria.  As vendas e a entrada de pedidos na industria galega baixaban en xuño un 0,15 e un 0,6% respectivamente en xullo en comparación co mesmo mes de 2018. 

Unha baixada leve pero continuada nos últimos meses que contrasta co incremento en torno ao 3% que se rexistra na media española, tanto para a produción como para os pedidos. En concreto, Galicia é unha das cinco comunidades nas que descende a facturación da industria, mentres sobe no resto. 

De feito, este país acumula catro meses de caídas interanuais consecutivas nas vendas, xa que o último dato positivo produciuse en marzo. Na media do ano, entre xaneiro e xullo, avanza a facturación un 0,3%, por baixo da media estatal (+0,7%).

CAÍDA DAS EXPORTACIÓNS

Unha situación que se reflicte nas exportación que tamén baixaron un 2,1% en xullo en comparación co mesmo mes de 2018, ata quedar en 1.876 millóns de euros de valor, segundo os datos publicados hai uns días polo Instituto Galego de Estatística(IGE).

Protesta de empregados de Alcoa en Santiago.. EUROPA PRESS - Arquivo
Protesta de empregados de Alcoa en Santiago.. EUROPA PRESS - Arquivo

Deste xeito, Galicia xa acumula cinco meses consecutivos de caídas interanuais, pois o seu último aumento produciuse en febreiro. De media no que vai de ano, entre xaneiro e xullo, hai un retroceso do 8,9%, ata un total de 12.385 millóns. O descenso galego en xullo contrasta co incremento en España do 3,8%. Ademais, nos sete primeiros meses o Estado alcanza o seu máximo histórico de vendas ao exterior, cun avance do 2%.

A automoción foi o sector con maior impacto negativo en xullo en Galicia, ao caer un 3,6%, xa que representa o 21% das exportacións. Os combustibles (-2%) e o material eléctrico (-1,6%), séguenlle en baixadas máis importantes. Ao longo de 2019 a venda de vehículos descende un 5%.

CRISE

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, preguntado xa por este medio sobre esta situación evita falar de crise e atribúe este parón da industria galega aos efectos da inestabilidade do Goberno central. Con todo, os feitos din outra cousa. Aínda que a falla dun goberno en Madrid poida ter certa repercusión nos medidores económicos, o certo é que Galicia está ante o que a oposición xa califica de “emerxencia industrial”.

Unha crise que nos últimos meses ameaza con levar por diante o pouco tecido empresarial que existe en Galicia. A decisión de Endesa de acelerar o peche da central das Pontes, un anuncio feito a pasada semana, ameaza con converterse nunha bomba en plena precampaña electoral. Unha tensión que xa se suma ao peche da outra central térmica, a de Meirama

ENDESA E MEIRAMA

Endesa explica a decisión de pechar As Pontes para cumprir as directivas europeas contra a contaminación por carbón.  Actualmente, máis dun milleiro de persoas, tanto directa como indirectamente, dependente laboralmente desta central térmica co que o peche das Pontes suporía unha grave crise industrial para a comarca do Eume e Ferrolterra, pero tamén para as lucenses da Terra Cha e da Mariña. 

Ademais, o peche desta empresa, que é propiedade da italiana Enel, afectaría a 27.000 persoas, tanto pasivos como activos, viudos, viudas e horfos que mantiñan uns dereitos adquiridos que se trataban de retribucións en especie intercambiadas por salario durante o tempo activo do traballador, tal e como recolleron os sucesivos convenios de empresa. 

Endesa sinalou que o valor neto contable, a data de hoxe, do conxunto de centrais térmicas de carbón peninsular ascende a uns 1.300 millóns de euros, incluíndo o importe estimado da provisión para o desmantelamento das dúas centrais que posúe.

Na mesma situación se atopa a central de Meirama. Naturgy, a antiga Gas Natural xa anunciou o seu peche no 2020, aínda que a data definitiva dependerá do Executivo central.  Unha situación que afecta a máis de cen traballadores, tanto directos como indirectos. O persoal directo suma 77 operarios, 40 dos cales traballarán primeiro no desmantelamento da planta de carbón, e logo serán recolocados noutros centros de traballos, segundo apuntou a empresa.

ALCOA

Outro dos grandes conflitos laborais que afectan a Galicia é o futuro de Alcoa con 1.500 postos de traballo directos pedentes dun fío . Tras o peche de Alcoa A Coruña, que afectou a case 400 traballadores, a internacional americana dona da empresa ameaza con pechar tamén a súa maior planta na península, a de San Cibrao, en Cervo. O seu argumento é a situación de "incerteza" pola falta de "medidas concretas" do Goberno para "solucionar o problema da enerxía para a industria do aluminio.

Actualmente, a fábrica da Mariña lucense reduciu un 11 por cento a súa produción, aínda que sen consecuencias sobre o emprego. O presidente de Alcoa España apuntou que, "de momento, non hai ningunha outra medida a maiores a tomar",  pero verase "en función de como evolucione".

FERROATLÁNTICA

Outros dos puntos de atención sobre a actualidade da industria galega está sobre Ferroatlántica, a metalúrxica productora de ferroaliaxes, antiga propiedade do Grupo Villar Mir e que agora afronta un momento de incerteza logo da compra efectuada polo grupo de investimentos multinacional TPG Sixth Street Partners. A consencuencia é que o lote completo incluía fontes hidroeléctricas (encoros), as factorías de Cee, Dumbría e Sabón, todas na provincia da Coruña.

A cuestión é que desde o comité de empresa de Cee denuncian o escaso ou nulo investimento para mantemento das instalacións e a intención deste fondo de investimentos de especular a conta da enerxía eléctrica. Na actualidade son máis de 550 os traballadores directos das distintas factorías do antigo Grupo Villar Mir.

BARRERAS E VULCANO

Tamén o sector dos astaleiros, un dos grandes activos e históricos activos económicos de Galicia está en perigo, especialmente, na comarca de Vigo. A crise tamén pode levar por diante a históricos como Vulcano, con 69 traballadores. Outros, como Hijos de J. Barreras, do que dependen medio milleiro de traballadores, atravesan por graves problemas.

Hai uns días, a xunta de accionistas de Hijos de J. Barreras (liderada por PMI, filial de petroleira mexicana PEMEX) cesaba a toda a directiva do astaleiro. Esta decisión está condicionada pola súa complicada situación que, a pesar de ter unha carteira de pedidos por valor de máis 800 millóns de euros, afronta momentos delicados por sobrecustos en contratos, atrasos e débedas cos provedores.

Os cambios na dirección da empresa expoñen a incógnita acerca dunha posible capitalización do estaleiro. Así, algunhas fontes do comité de empresa apuntan á entrada no accionariado de Ritz-Carlton, cuxa filial de minicruceros de luxo (Ritz-Carlton The Yatch Collection) está a construír un barco, e anunciou un segundo, nesta bancada viguesa.

Peor está a situación en Vulcano, enfilado xa cara a un peche seguro. Así o confirmaba hai uns días o director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Juan Manuel Cividanes, que lamentaba que "a día de hoxe" non hai "ningunha empresa que manifeste interese claro de dar continuidade á actividade" a este estaleiro de Vulcano en Vigo, cuxo persoal espera á execución do expediente regulador de emprego (ERE).

SUBCONTRATAS DE NAVANTIA

Ademais de Barreras e Vulcano tamén hai problemas laborais en dúas subcontratas de Navantia; Tecman-Elecrorayma e Indasa. A primeira, auxiliar encargada do servizo de mantemento nos dous estaleiros que a empresa naval pública Navantia ten na Ría de Ferrol, e a segunda, do mantemento das cabinas de pintura, iniciaron a finais do pasado mes folgas de carácter indefinido para reclamar a readmisión de nove e seis traballadores despedidos, respectivamente.  Tras varias protestas e negociacións, Indasa anulou os seis despedimentos previstos, pero non así Electrorayma-Tecman, cuxos traballadores continúan coas protestas.  

ISOWAT

Outro conflito laboral é o que viven os 66 traballadores da empresa Isowat na Coruña que levan semanas de protesta e piden a "implicación" da Xunta para garantir a continuidade dos seus empregos ante a proximidade da finalización do expediente de regulación temporal de emprego (ERTE). Precisamente, este 1 de setembro rematou o ERTE para o persoal co que pasarán a cobrar o 50% ao ir ao paro.

SUBCONTRATAS DE R

Tamén operarios de subcontratas de R reclaman a implicación da Xunta na defensa dos seus empregos ante o proceso de deslocalización de servizos por parte de Euskatel, propietaria do operador de telecomunicacións. Os sindicatos amosaron xa súa preocupación porque as medidas adoptadas por Euskatel "poidan alcanzar ata o 50% dos case 800 postos de traballo existentes a día de hoxe".

BANCO PASTOR

 

Finalmente, tamén o Banco Santander pechou a finais do pasado mes 176 oficinas, 26 delas en Galicia, no marco da execución do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que acometerá a entidade e que contempla a clausura dun total de 1.150 sucursais. Unha medida que afectou, segundo os sindicatos, a máis dun milleiro de traballadores en Galicia.

Manifestantes de Alcoa marchan por un futuro para a industria electrointensiva  na Coruña. M. Dylan - Europa Press
Manifestantes de Alcoa marchan por un futuro para a industria electrointensiva na Coruña. M. Dylan - Europa Press
Central térmica de Meirama en Cerceda, de Gas Natural Fenosa
Central térmica de Meirama en Cerceda, de Gas Natural Fenosa
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

4 anonimo

A teima de tenta rbuscarlle explicacións políticas, que se adapten aos rollos ideolóxicos preestablecidos da resultados ridículos. " Proceso premeditado para impedir que se cree un lobby de intereses económicos". Por favor. ¿ E Inditex, que ? E insistimos, decir que Galicia hoxe ( un pais de vellos, por desgracia) é "Unha colonia de man de obra barata "é un disparate. Xa non hai poboación para eso. A "man de obra barata" hoxe son os sudamericanos ou os caboverdianos ,non os galegos. Por favor, tópicos resesos de fai cincuenta anos, non, gracias.

1 Moul

Somos unha colonia de España en TODOS os sentidos. INDITEX? Si, home, sí, "gaiegos coma tú...". O Amancia de Arteixo e o Amancio de Chantada son dous modelos de empresarios gaiegos exemplares (exemplares de bos peixes, sí...). Non exportamos xente, meu: son emigrantes, coma os pais, os abós, etc, etc, etc. Baratos? Non, regalados e vendidos polo mercado dunha Xunta allea ó país e un país alienado por colonos e colonizados. A túa Galiza é a Galifornia que predica a Voz... Tópicos? Biba er Xacobeo!!! (sí, a culpa te es de la UPG...).

3 anonimo

¿ Colonia de man de obra barata ? Por favor, eso sería no século XIX. ! Se eiquí veñen a traballar os de Cabo Verde na pesca! Hoxe Galicia é un pais moi envellecido, que " exporta" funcionarios e médicos ( que non son precisamente man de obra barata). Seguimos cas tinaimas de fai cincuenta anos, seguimos cos modelos que non reflexan a realidade. A ver, repetimos, Galicia xa fai moitos anos que deixou de ser un pais " exportador" de man de obra barata: o de ir á sega a Castela era antes. Antes, non agora.

2 Maleante

A doma e castração vai muito além da desindustrialização. É um processo premeditado para evitar que se crie um lobby galego de interesses económicos. Pensai no concurso eólico, Pescanova, as caixas, etc. Na Galiza como se juntem mais de três empresários ou políticos de centro já se lhes aplica a lei de vagos e maleantes.

1 vostrvs

Premio ó comentario do ano! Concordo ó 1000%. E ca lingua igual (o reintegracionismo é visto como unha grandre ameaza; lembran o nome da operación policial contra a suposta Resistencia Galega?). Co "problema" catalán polo leste e o basco polo norte o último que quere España e outra fronte aberta polo oeste. Somos unha colonia de mao de obra barata (e reclutas de guardia civil, policia e exército...), pasta de papel, electricidade, etc...

1 Galeguiña

Empresa privadas multinacionais, economía de mercado, cambio do modelo enerxético, capitalismo liberal, directrices europeas...Qué pode facer o goberno galego contra iso? Alguén pensa que un cambio na Xunta viraría a situación das empresas das que se fala neste artigo? Con Caballero, Pontón ou Villares ían manterse os empregos e a produción industrial? Vaites,